Asinamos a ilusión

“da enorme beleza do mundo
fixeron unha chousa mesquiña”
Roberto Blanco Torres. Cuntis, 1936

Nos tempos de resistir, veciñas e veciños de Cuntis asumimos as nosas responsabilidades cívicas e xuntámonos para impulsar a nosa alegre defensa. Sumidos na emerxencia á que nos abocaron facemos en común unha reflexión necesaria.

portada3Sobrevivimos na inquedanza de non ver horizontes, recoñecemos un estado de depresión institucional que nos ameaza coa carencia de oportunidades, que rachou os principios máis elementais da democracia, que é incapaz de xerar oportunidades e que renunciou a representarnos e a traballar canda nós, por nós e para nós. Rexeitamos a quen pretenda gobernarnos de costas a esta nosa maioría, a quen se guíe por outros intereses que non sexan os do pobo. Rexeitamos a quen pretenda seguir pasándonos a todos a factura de cumprir as súas aspiracións privadas. Rexeitamos a quen faga da improvisación a súa forma de engano. Rexeitamos a mediocridade e a mentira como programas de goberno. Rexeitamos, en resumo, o decreto de abandono municipal que a Alcaldía ditou nestes últimos catro anos.

Botamos man dos nosos mellores sorrisos e comprometémonos a traballar por un Cuntis mellor e máis digno. Inspirámonos nun pobo vivo, activo e dinámico. Bebemos de toda a actividade social, cultural e participativa que sempre nos caracterizou por estas terras. Somos xente de iniciativas, somos traballadores e traballadoras imprescindibles na construción do futuro que queremos, pero non aceptamos directrices de quen se achegue con pretensións distintas.

Este é o noso compromiso de erguer unha alternativa veciñal de transformación, de mellora das condicións de vida do Cuntis de hoxe e do de mañá. Asinamos o noso compromiso de traballar por reverter esta situación de anemia, armámonos de ilusión e sumamos as nosas capacidades para chegar a gobernarnos nós.

Recuperar Cuntis.

En Cuntis, no marzo de 2015.

Share

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará