Escoitar é un dos verbos máis presentes no proxecto da nosa candidatura veciñal, a consulta permanente e o contacto con todos os veciños/as e sectores implicados en cada decisión é unha das conviccións principais nas que se fundamenta Veciñanza.
Logo de que a semana pasada nos reuniramos con representantes de Cáritas, estes días están a ter continuidade as nosas xuntanzas sectoriais cos colectivos de Cuntis. O pasado martes tivo lugar a reunión co equipo directivo do CPI Don Aurelio e cos/coas comerciantes da vila. O mércores foi a quenda dos hosteleiros/as e da ANPA (Asociación de Nais e Pais de Alumnos). Os servizos sociais, a educación e o o pequeno comercio local son boa mostra das nosas prioridades, e o contacto con eles foi para nós altamente enriquecedor.
É palpable a necesidade de cambio entre os representantes da sociedade cuntiense. Aprécianse ganas de participación, de ser escoitados/as e de opinar para construír entre todos/as un futuro posible. Veciñanza representa esa alternativa renovadora e “esperanza” foi unha das palabras que máis escoitamos á hora de expoñer as nosas liñas.
Temos que agradecer publicamente a boa predisposición, a participación e a receptividade en cada unha destas xuntanzas. Puidemos expoñer a diagnose do estado actual do noso Concello, na que constatamos o alto grao de coincidencia, así como os eixos fundamentais do noso programa de goberno en cada un dos ámbitos citados. Da mesma maneira, e sendo o obxecto fundamental das convocatorias, recollemos o parecer de todos os/as asistentes e puidemos deseñar entre todos/as un enfoque das necesidades de cada sector.
Este venres, ás nove da noite na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres, terá lugar o encontro coas asociacións de Cuntis.
Escoitar para saber. Preguntar para coñecer. Participar para avanzar.
- Reunión con representantes da hostalería
- Reunión co sector do comercio
- Reunión co CPI don Aurelio
- Reunión coa ANPA