Veciñanza valora moi positivamente os resultados do 24-M

Veciñanza valora positivamente a participación e a normalidade coa que se desenvolveu a xornada electoral do pasado 24M. Os 672 votos obtidos (22’36 %) permiten a irrupción con forza da candidatura dos veciños/as na Corporación Municipal e demostran a necesidade dunha alternativa para evitar a maioría absoluta do Partido Popular, se temos en conta o descenso de apoios dos partidos da oposición (o PSOE perdeu 200 votos e o BNG 651).

Segundo os datos oficiais do Ministerio do Interior, Veciñanza foi a forza que máis perto quedou de obter o seguinte representante (sería o 3º), a tan só 71 votos. O Partido Popular quedou a máis de 200 votos do seu seguinte escano e perdeu 75 apoios a respecto dos resultados de 2011.

Captura de pantalla de 2015-05-27 20:41:53

Salientar que o reparto da Lei D’Hont do sistema electoral español prexudicounos máis que a ninguén, pois os nosos escanos foron os máis ‘caros’ se temos en conta a relación cos votos obtidos. Así, mentres os 5 representantes do PP ‘custaron’ 257 votos cada un, os do PSOE 247 votos e os do BNG 265, os nosos dous representantes tiveron un custe de 336 votos cada un.

Veciñanza confírmase como parte do cambio global que se vén de instalar por todo o País. A estrepitosa derrota política do Partido Popular, vítima das súas políticas contra a maioría e dos súas mañas caciquís, propiciou entre outras a perda da Deputación de Pontevedra que ostentaba o Sr. Louzán. A cidadanía crítica, activa e participativa vai ser a que consiga erguer os gobernos da xente e desfacerse dos dominios de sumisión que as enferruxadas estruturas partidistas teñen consolidados. A participación e a democracia son os eixos nos que se fundamenta Veciñanza, así como un municipalismo consciente na construción dunha sociedade mellor e máis libre.

Share

You may also like...