Veciñanza esixe no Pleno a realización dunha auditoría das contas municipais

No pleno extraordinario do pasado venres día 7 quedou en evidencia o que Veciñanza viña sostendo dende antes da propia campaña electoral: a xestión do goberno do Partido Popular durante a pasada lexislatura foi absolutamente caótica, descontrolada e carente do máis mínimo rigor. O PP manexou os cartos de todos/as sen o máis mínimo respecto. Así se pode constatar á vista do informe de Intervención que centrou boa parte do debate no Salón de Plenos do Concello de Cuntis.

O resto dos puntos da Orde do Día foron os seguintes, e a nosa postura foi a que expoñemos a continuación. É oportuno lembrar que as asembleas de Veciñanza son abertas a quen queira achegarse, e ese é o momento no que se debaten e deciden as posturas en cada asunto.

1. Estimación dos recursos de reposición relativos ao recoñecemento extraxudicial 3/2015. Veciñanza votou SI por estar incluído neste punto a débeda co servizo de axuda no fogar, absolutamente lexítima e prioritaria. Malia isto, no relativo aos recursos presentados por determinadas entidades que estaban sen cobrar o máis salientable son as razoables dúbidas que mantemos fronte a un catálogo de facturas que (segundo o informe de Intervención) incumpren algunhas delas a Lei de Constratos do Sector Público. A nosa concelleira Saleta Fernández abstívose por ser participante dunha das entidades implicadas no proceso evitando así calquera tipo de conflito ou incompatibilidade. En todo caso, estas son as consecuencias da nefasta xestión do PP.

2. Expediente de modificación de crédito 59/2015. Esta operación atinxe a dúas áreas de gasto absolutamente distintas, como son Obras e Cultura, pero o Goberno Municipal incluíunas nun só punto para votar no Pleno. Estas necesidades de crédito Santi Martínez e Saleta Fernándezderívanse das políticas do Partido Popular e da súa inexplicable xestión. Veciñanza abstívose nesta cuestión e incidiu na necesidade dunha auditoría por parte do Consello de Contas.

3. Expediente de modificación de crédito 60/2015. Esta operación consistía no financiamento con cargo ao remanente de tesourería das obras de reforma da Praza de Abastos, que precisan da achega municipal de aproximadamente 26.000 euros para poder aproveitar a subvención do 70% que concedeu a Xunta de Galicia. Veciñanza votou SI por tratarse dunha infraestrutura tan necesaria para o desenvolemento local e por existir un informe favorable de intervención que avala a obra como “financeiramente sostible”.

4. Modificación do anexo de subvencións nominativas para o ano 2015. Veciñanza votou SI por tratarse dun trámite necesario para o adecuado funcionamento das asociacións beneficiarias, pero salientou a necesidade de abordar unha reforma no sistema de subvencións para dotar ao tecido asociativo do concello dunhas condicións de igualdade e que as entidades poidan realizar unha programación cómoda e axeitada dende comezos de ano.

5. Informe de Intervención. Como indicamos no Pleno, o máis salientable deste informe atópase xa no comezo, onde di literalmente: “Estas últimas [facturas sen pagar e sen reserva de crédito previa] derívanse dun incumprimento da normativa interna do Concello de Cuntis e nalgúns casos incluso da Lei de Contratos do Sector Público e poden supoñer un problema para a execución do orzamento nos supostos en que non podan ser absorbidas polas correspondentes bolsas de vinculación”.

Ademais das facturas sen reserva de crédito temos a versión seguinte, aquelas para as que si que había reserva pero se gastaba o triplo do reservado. Un exemplo é Cultura (datos do informe de Intervención Municipal):

 

reservouse

gastouse

débese

CUNTIS EN FLOR

3.226,85

11.074,77

7.847,92

FESTA DO 18

nada

4.341,66

4.341,66

FESTAS AGOSTO

nada

50.668,77

50.668,77

FUNCIONAMENTO XERAL

nada

5.191,21

5.191,21

 

 

 

60.766,69

Cómpre indicar que o informe carece nalgúns momentos de rigor, pois fai unha mestura de conceptos e de facturas de diferentes datas que non facilita a súa comprensión.

Dentro do informe de Intervención e do capítulo de débedas merece unha consideración especial o apartado das Festas de Agosto 2014. Para sintetizar o problema debemos ter en conta o seguinte:

  • A estas alturas sabemos xa que existe unha factura pendente de pago e sen reserva de crédito de 45.375 € correspondentes ás Festas Patronais de 2014.
  • Sabemos que no seu día se constituíu unha asociación cultural, encargada da organización desas festas que e “xestionou” os donativos dos veciños e veciñas de Cuntis que agora se atopan con que as festas do ano pasado están sen pagar.
  • Segundo o actual Goberno Municipal non existe contrato ningún asinado polo Concello relativo a eses máis de 45000 euros.

A preguntas do noso voceiro, o ex alcalde Antonio Pena entrou varias veces en contradición ao asegurar que as Festas 2014 as organizara o Concello de Cuntis pero que as explicacións do paradoiro (descoñecido) das doazóns dos veciños e veciñas as daría a asociación que supostamente colaboraba na organización. Tamén afirmou que si existe contrato desa factura impagada relativa ás Festas Patronais de 2014, aínda que non atinou a dicir onde se atoparía.

Ante esta situación, a nosa postura é moi clara: ten que facerlle fronte a eses 45.000 euros a entidade ou particular que encargou esas actuacións, pero en ningún caso, o Concello de Cuntis (se non existe ese contrato por escrito). Os veciños e veciñas de Cuntis fixeron as súas aportacións, coma todos os anos, coa mellor intención posible, e non é admisible que polas chapuzas ou polas ineptitudes duns ou doutros agora se lle carguen, a maiores, eses 45000 euros. Veciñanza non vai ser cómplice de tapar ningunha irregularidade do Partido Popular, e agardamos que o grupo de goberno actual non o sexa tampouco. Por isto mesmo, Veciñanza reitera a necesidade de someter as contas municipais a unha Auditoría externa a realizar polo Consello de Contas e xa no pleno instou aos demais grupos municipais a posicionárense sobre esta cuestión. Tan só o fixo o BNG, que manifestou a súa negativa á nosa proposta.

Xa por último, no punto de rogos e preguntas, Veciñanza cuestionou ao Alcalde Manuel Campos por dous asuntos que nos fixeron chegar algúns veciños directamente e por un de notable importancia para as contas municipais:

  • Seguridade no entorno do CPI Don Aurelio, ante a que a resposta foi que o grupo de Goberno estaba a valorar diferentes alternativas, incluso no referido ao sentido dalgunha rúa daquela zona
  • Polos lavadoiros da parroquia de Arcos de Furco, ante o que se nos contestou que serán obxecto de limpeza por parte dos operarios municipais tal e como están a ser outros semellantes
  • Cesión do Centro de Saúde á Consellaría de Sanidade para que se faga cargo do seu mantemento, supoñendo isto un aforro moi considerable para os recursos do concello. Momento no que o Alcalde nos contestou que estaban a manter reunións sectoriais con distintas institucións e que ese era un asunto que priorizarían

 

A seguir publicamos o Informe de Intervención 039/2015 sobre o estado económico do Concello de Cuntis, con data CIF e os nomes dos particulares e entidades que aparecen a fin de evitar calquera tipo de malestar nos afectados/as. En todo caso, está dispoñible no noso local (Rúa Circunvalación, 39) por se alguén o quixera comprobar fisicamente. [picar na imaxe para ampliala]

 

Unha vez máis, animamos a todos os veciños e veciñas a asistiren ás sesións plenarias. Unha das nosas razóns de ser é a dinamización da participación veciñal na vida pública. Só cunha sociedade consciente, informada e crítica será posible acadar maiores cotas de democracia e desenvolvemento. Dende Veciñanza facilitaremos na medida das nosas posibilidades esas dinámicas, anunciando convocatorias, informando da actualidade institucional e publicando a documentación que sexa de interese público.

 

Share

Tamén pode gustarche...