PP e PSOE rexeitan a auditoría que solicitaba Veciñanza para aclarar as contas

O pasado venres 25 tivo lugar a sesión ordinaria do Pleno Municipal na que se debatía a nosa moción sobre a necesidade de solicitar unha auditoría externa do estado económico do Concello de Cuntis. Como vimos sostendo dende que no mes de agosto se celebrou o pleno extraordinario no que se valoraban as contas a partires dun informe de Intervención, existen irregularidades que avalan esta necesidade que sinalamos. Naquel momento, o noso Grupo Municipal solicitara outro informe máis no que se detallaran as facturas que incumpren a Lei de Contrato Público. Recibido este documento, comprobamos como existen máis de 106.000 euros que podemos considerar ilegais, pois suman diversos tipos de incumprimentos da lexislación vixente (ao remate desta información pódese acceder ao Informe de Intervención sobre as facturas que incumpren a Lei de Contratos do Sector Público).

Como era de agardar, o Partido Popular opúxose a que se fiscalizase a súa xestión durante a pasada lexislatura. Pero a sorpresa chegou cando o PSOE, sabedor da negativa do PP, abstívose na votación para así evitar que se aprobase a nosa moción. É importante sinalar que a solicitude abranguía os exercicios dos cinco anos anteriores, co que aínda sería analizado o último exercicio do anterior goberno do PSOE (ano 2010). Deste xeito, as aspiracións de transparencia coas que Veciñanza accedeu á Corporación Municipal víronse freadas pola complicidade entre o PSOE e o PP. Con todo, este non é un punto e final no noso traballo en prol da aclaración de contas.

En coherencia con esta postura, Veciñanza votou en contra da Conta Xeral do 2014, pois non podemos validar o estado económico municipal tendo nas mans evidencias documentais de manifestas irregularidades. Aínda así, a suma de votos do PP e mailo PSOE sacou adiante a citada Conta Xeral.

No relativo á designación dos festivos locais para o ano 2016, como xa manifestaramos publicamente, Veciñanza só defendería os resultados saídos da consulta que a respecto deste tema lanzamos na web. A enquisa arroxou como preferencias os días Martes de Entroido e 16 de agosto. O Grupo de Goberno accedeu a modificar a súa proposta inicial, que presentara na Comisión Informativa previa, para rematar apoiando as suxestións iniciais do PP, que consolidan un festivo relixioso en Cuntis. Desta maneira, os votos de PP, PSOE e BNG estableceron como festivos locais o 11 de xullo (San Bieito) e o 18 de agosto (Festas patronais). Os representantes de Veciñanza abstivéronse.

As que si foron aprobadas foron as outras dúas mocións que impulsaba Veciñanza, para declarar a nosa vila como ‘libre de touradas’ e ‘libre de circos e atraccións de feira con animais vivos’. No fondo, o mesmo argumento é válido para o razoamento das dúas iniciativas. O respecto absoluto pola dignidade animal é unha parte fundamental para defender a dignidade humana e os valores dunha sociedade moderna e civilizada. Rexeitamos a quen pode sentir algún tipo de divertimento ou goce presenciando a tortura animal, o maltrato, a violencia gratuíta ou o sadismo das touradas. Coidamos que abondan razóns para impulsar accións deste tipo, e agardamos que para o Grupo de Goberno non queden só en feitos simbólicos e as leven de inmediato á práctica, como así procede. Neste sentido agradecemos o apoio dos grupos municipais do BNG e do PSOE, que votaron en favor destas dúas mocións, e non nos sorprende a abstención do Partido Popular, que non desaproveita a ocasión para autodefinirse no relativo a este tipo de asuntos.

Finalmente, sinalar que Veciñanza apoiou tamén as mocións en apoio aos refuxiados sirios, a do rexeitamento aos asasinatos machistas e a que pedía instar á Xunta a que se institucionalice a conmemoración do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir.

INFORME DE INTERVENCIÓN 050/2015

Cumprimento da Lei de Contratos das facturas do Informe 039/2015

(picar en cada imaxe para ampliar, páxinas por orde da 1 á 11)

Informe Intervención Facturas Ilegais (setembro2015)-page-001 Informe Intervención Facturas Ilegais (setembro2015)-page-002 Informe Intervención Facturas Ilegais (setembro2015)-page-003 Informe Intervención Facturas Ilegais (setembro2015)-page-004 Informe Intervención Facturas Ilegais (setembro2015)-page-005 Informe Intervención Facturas Ilegais (setembro2015)-page-006 Informe Intervención Facturas Ilegais (setembro2015)-page-007 Informe Intervención Facturas Ilegais (setembro2015)-page-008 Informe Intervención Facturas Ilegais (setembro2015)-page-009 Informe Intervención Facturas Ilegais (setembro2015)-page-010 Informe Intervención Facturas Ilegais (setembro2015)-page-011

Share

Tamén pode gustarche...