Mantivemos dende o noso primeiro día que a a elaboración duns orzamentos debía ser unha prioridade para quen compuxese un goberno novo, despois dunha lexislatura prorrogando os de fai cinco anos, desactualizados e traballando cunhas contas máis que dubidosas. Entendemos que esta é só unha parte da actualización necesaria do estado económico municipal, a outra debera ser a auditoría de contas que foi rexeitada no pleno anterior. Veciñanza votou en favor da aprobación dos orzamentos que presentou o Alcalde, asumindo a responsabilidade que nos corresponde e dotando ao novo grupo de goberno dunha ferramenta esencial.
Son uns orzamentos “rasos”, “básicos” e que non están en disposición de implementar transformacións de fondo en Cuntis, polo que este apoio non é un cheque en branco. Veciñanza non renuncia en absoluto ás liñas do programa co que se presentou ás eleccións de maio. Ao non presentarse partida de investimentos (apenas 6000 euros para un asunto moi puntual), e confirmando o Alcalde que estes serán dos recursos que a Deputación poña a disposición do Concello, Veciñanza agarda que estes investimentos sexan consensuados co noso Grupo Municipal e que, sobre todo, sirvan ás prioridades que plantexen os veciños e veciñas de Cuntis. Neste sentido, o noso voceiro municipal Santi Martínez esixiu no pleno que se dispoñan os mecanismos necesarios para activar os orzamentos participativos que levabamos no noso programa.
Veciñanza aposta para o vindeiro exercicio pola redacción de novas ordenanzas fiscais que introduzan criterios de progresividade e bonificacións nos casos nos que sexa posible. Hai que establecer novas taxas, xustas e equilibradas, que non diminúan os ingresos municipais, e a ser posible que os aumenten. E ese peso contributivo ten que recaer maiormente naqueles que máis teñen, nos que máis poden e non, como veu sendo o criterio ata agora, en todos por igual ou incluso incidindo nos máis desfavorecidos. Consideramos que esta é a principal tarefa en materia económica para o exercicio que vén. Acorde a isto, Santi Martínez recordou que durante a lexislatura pasada foi aprobada unha moción para que se lle cobre o Imposto de Bens Inmobles ás propiedades da Igrexa Católica nos casos nos que sexa posible. Veciñanza incidirá nesta cuestión porque, nun momento de dificultades económicas, a administración local non pode renunciar aos ingresos dunha entidade con tanto patrimonio como é a Igrexa Católica. É de xustiza.
Do mesmo xeito, é inaprazable resolver a cuestión das subvencións nominativas. Na primeira, e única, xuntanza que tivemos para falar dos orzamentos presentousenos un cadro de subvencións nominativas a entidades culturais, deportivas, etc. que non é o que finalmente se inclúe nos orzamentos para o ano 2016. Preguntamos cal era o criterio que se seguía e nin o Alcalde nin o Concelleiro de Cultura souberon darnos resposta. Esixímoslle á áreas de goberno correspondentes que se poñan a traballar nos criterios de outorgamento de subvencións nominativas para que todas as entidades do Concello os coñezan e se atopen en igualdade de condicións para poder acceder a elas. Non estamos a discutir o criterio, tan só nos gustaría saber cal é, e que o tecido asociativo o coñeza. É preciso repensar a fórmula mediante a cal se outorgan fondos públicos e que todos os colectivos poidan concorrer en pé de igualdade.
Veciñanza apoiou estes orzamentos por unha cuestión de responsabilidade, porque dixemos dende o primeiro día que tiñan que ser unha prioridade e recoñecemos que a marxe é escasa e o tempo foi pouco. En todo caso, de cara ao ano que vén incidiremos na necesidade de actualizar as ferramentas fiscais e de avanzar cara a transformacións reais en Cuntis.