Pleno do 27 de novembro: responsabilidade fronte a abstencións

O pleno ordinario do pasado venres 27 presentaba na súa orde do día varios asuntos que remataron por xerar certa polémica no seu debate. O primeiro deles foi a presentación por parte do grupo de goberno dun expediente de recoñecemento extraxudicial de débeda que contiña un cadro con facturas pendentes de pago. Dito punto da orde do día non foi tratado na comisión informativa previa, como é preceptivo, e como o noso grupo municipal indicou no Pleno, tratábase dun documento que sería perfectamente localizable na lexislatura anterior. É ben certo que ese cadro contiña facturas pertencentes ao mandato do PP, pero resulta indignante que este novo goberno non rache coas prácticas da lexislatura pasada consistentes en non clasificar as facturas de distinta natureza e someter así a votación un conxunto de débedas tan heteroxéneo. Veciñanza reclama xogo limpo na presentación de contas para que deste xeito sexa posible unha maior precisión na clasificación das facturas. O informe de Intevención que acompañaba a este documento presentaba un reparo suspensivo, e indicaba unha vez máis que un procedemento extraordinario coma este non pode de ningún xeito converterse en habitual. Á vista do exposto, Veciñanza votou NON a esta forma de xestionar os fondos públicos e de presentar contas, e esíxelle ao Bipartito que rache coas prácticas que antes criticaron e que practiquen a transparencia e as novas formas sobre as que se sustenta o seu pacto de goberno. Foi aprobado cos votos favorables de PP, PSOE e BNG.

12312160_708256385975303_1308106917_n

A seguir aprobouse a solicitude á Xunta de Galicia da desafectación do primeiro andar da chamada Casa dos Mestres para poder adicala o Concello ao Departamento de Servizos Sociais. Veciñanza lamentou que non se poidan adicar as vivendas que permanecen baleiras a outras necesidades, como pode ser o alugueiro social ou semellantes.

Ordenanza do lixo: responsabilidade ou abstencións?
O seguinte punto na Orde do Día era a modificación da Ordenanza que regula a taxa polo servizo de recollida do lixo. O Alcalde decidiu levar ao Pleno esta modificación en base á reclamación presentada por un establecemento hoteleiro da vila que se viu gravemente danado por unha ordenanza absurda e desequilibrada. Logo de explicar o Interventor cal é o procedemento adecuado para esta modificación puntual, tres dos catro representantes presentes do PP e mailo do BNG decidiron absterse, e unha concelleira do PP votou en contra. Dita moficación foi aprobada grazas aos votos do PSOE e mailos dos do noso grupo, que fixeron posible reparar en parte unha situación que constitúe un gravísimo prexuízo para o establecemento que sufriu esta circunstancia. Dende o noso punto de vista, existiu certo desleixo por parte do Alcalde a respecto desta situación, coñecida dende o mes de maio e que ata a propia Deputación de Pontevedra cualificou como inxusta e instou a subsanar. Foi ante a esixencia de Veciñanza, aló por comezos de outubro, cando o Alcalde Manuel Campos nos citou para comezar a traballar na redacción dunha nova ordenanza que regule o servizo de recollida do lixo. Esta segue a ser a prioridade de Veciñanza, mais pola imposibilidade de encaixar nos prazos necesarios o traballo para que puidese entrar en vixencia o 1 de xaneiro de 2016, tanto o PSOE como o noso grupo acordamos esta modificación puntual sendo conscientes de que é un “parche” insuficiente e só temporal. Sen renunciar a ter novas ordenanzas fiscais para o ano próximo, non solucionar unha situación urxente, que atenta contra un negocio local e contra a propia actividade económica da vila é unha irresponsabilidade propia ou da neglixencia política ou dun revanchismo infantil impresentable. Produciuse neste punto un feito a salientar dende o noso punto de vista: as contundentes descualificacións (“unha chapuza”) por parte do representante do BNG á acción do seu socio de Goberno, o propio Alcalde, por presentar esta modificación parcial da ordenanza. Quizais a división do PP á hora de votar corresponde máis ao campo da anécdota peculiar que ao do criterio político.

Mocións

A que si foi aprobada por unanimidade foi a moción de apoio ás Marchas contra a Violencia Machista do pasado 7 de novembro. Malia este voto favorable, Veciñanza aportou unha breve observación á campaña impulsada polo Concello de Cuntis con motivo da semana do 25-N. A iniciativa que consistía en repartir polos establecementos comerciais cestiñas con lazos de cor violeta para visibilizar o rexeitamento á violencia machista contaba coa colaboración de catro asociacións “de mulleres” unicamente. Dende o noso punto de vista, este é un erro moi sensible, xa que estase a transmitir á sociedade que a lacra da violencia machista e a conseguinte loita contra ela se restrinxe só ao ámbito femenino, cando é un problema social que nos atinxe a todos e a todas. A nosa proposta, como expuxemos no Pleno, é a de articular xeitos de cooperación entre todo o tecido asociativo, as Forzas de Seguridade, o Colexio e o Centro de Saúde.

No referido ás mocións presentadas, foron aprobadas por unanimidade todas as que se debateron, incluíndo unha asinada conxuntamente polos grupos do PSOE, BNG e Veciñanza a proposta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica e consistente en propoñer a adhesión do Concello de Cuntis aos apoios á Querela Arxentina contra a Ditadura Franquista Española.
Veciñanza impulsou dúas iniciativas. Dunha banda unha a moción para a fiscalización do CFO da Ran, por medio da cal se instaba ao concello a presentar unha memoria de actividade anual deste organismo para poder trazar con precisión un perfil do/da demandante de emprego cuntiense e aproveitar todo o potencial que ofrencen estas instalacións. A outra era relativa a promocionar a nivel supramunicipal o Campo de Fútbol das Canteiras e as súas recuperadas pistas de atletismo, así como poñelas a disposición e facilitar o seu uso por parte de todos/as os veciños/as da comarca. Esta moción incluía tamén a necesidade de redactar un regulamento de usos das instalacións deportivas municipais, incluíndo por suposto As Canteiras.

E xa por último, na parte de Pregos e Preguntas, Veciñanza formulou as seguintes cuestións:

  • Balance do mes da Memoria Histórica (do pasado outubro) por parte do Goberno Municipal, no que instamos a que non se volvan repetir episodios nos que a imaxe de Cuntis (e do seu goberno local) quede deteriorada por comportamentos irresponsables dalgún dos seus representantes.
  • Preguntamos pola tramitación do PXOM, da que se nos confirmou que precisa a adaptación a algunhas normativas novas e que terán un custe. En todo caso, o Alcalde comprometeuse a que durante o ano 2016 poida ser exposto publicamente.
  • Solicitamos información a respecto das alegacións que o Concello presentou ao Plan de Risco de Inundacións da Xunta, compromenténdose o Alcalde a facérnolas chegar nos próximos días.
  • Instamos ao Goberno Municipal a que execute a moción aprobada durante a lexislatura anterior pola que debe comezar a cobrárselle o IBI ás propiedades da Igrexa Católica que sexa posible.
  • Preguntámoslle ao Concelleiro de Cultura cando serían convocadas as subvencións de libre concorrencia para as asociacións o vindeiro ano, ao que nos contestou que durante o primeiro trimestre.
  • Interesámonos por como quedará a atención sanitaria en Cuntis para o vindeiro ano, así como con cantos médicos/as contará o Centro de Saúde. Incidimos nas numerosas queixas dos veciños e veciñas a respecto da atención sanitaria que se presta en Cuntis e da carencia habitual de persoal. Consideramos que este é un asunto de extrema gravidade e no que o Concello ten que liderar as protestas veciñais, esixíndolle á Consellaría de Sanidade que garanta unha prestación médica adecuada no Centro de Saúde de Cuntis.
Share

Tamén pode gustarche...