Resumo do pleno do 29 de xaneiro

O pasado venres tivo lugar a sesión ordinaria do Pleno Municipal correspondente ao mes de xaneiro. Logo da procedente aprobación da acta anterior, o Goberno Municipal presentaba o expediente de contratación para o servizo de axuda no fogar. O noso posicionamento neste punto foi favorable, por estarmos ante un asunto de alta sensibilidade e de gran necesidade para os usuarios/as deste servizo no noso municipio. O importe do contrato ascende a 328.536 € (máis IVE). Malia isto, o noso voceiro municipal apuntou na súa intervención que Veciñanza non é favorable á privatización de servizos, pero neste punto entendemos que é necesario priorizar as necesidades materiais dos beneficiarios sobre as nosas pretensións políticas. En todo caso, un goberno que se diga de esquerda ten a obriga de explorar outras fórmulas para o impulso da municipalización do servizo. Sendo, como somos, sabedores/as das ataduras e limitacións da normativa privatizadora do PP en materia de administración local, que o dificulta moito. Foi aprobado por unanimidade.

A seguir ratificouse a comparecencia do Concello no procedemento xudicial interposto por unha señora que sufriu no ano 2013 unha caída no casco urbano da vila. O goberno do PP non atendeu no seu momento a reclamación correspondente e hoxe o Concello atópase inmerso nun contencioso-administrativo. Este punto tamén foi aprobado por unanimidade.

O cuarto punto da orde do día foi a moción presentada polo Grupo Mixto – BNG “para a depurar responsabilidades na débeda das festas patronais de 2014”. O voceiro municipal do PP e anterior Alcalde, Antonio Pena, aludíu ao programa de festas para atopar a explicación á débeda que persiste no Concello de máis de 45.000 euros, algo totalmente absurdo pois en ningún programa de festas figuran datos de contratacións nin de pagos. O PP non ofreceu ningunha outra explicación e votou en contra da moción. Con todo, foi aprobada grazas aos votos dos pleno290116grupos do Goberno e de Veciñanza. Na nosa intervención sinalamos que a nosa traxectoria no que vai de lexisltura demostra que a nosa determinación para botar luz sobre o estado económico do concello é incuestionable, como así vimos demostrando con feitos. Engadimos tamén que, malia estarmos completamente a favor desta e doutras iniciativas que avancen en semellante dirección, sorpréndenos que un grupo que fai parte do goberno presente unha moción ao pleno para ‘instarse a si mesmo’ a actuar na súa área. Descoñecemos se a intención é ‘coleccionar mocións’ pero o que lle esiximos ao Concelleiro de Cultura é máis resultados e menos declaracións de intencións.

A seguir debatéronse as tres mocións que Veciñanza presentaba. A primeira delas foi en materia de accesibilidade, froito da reunión con Cogami e da necesidade de suprimir as barreiras arquitectónicas aínda presentes en espazos públicos do noso municipio. Logo desta foi a quenda da nosa moción para solucionar dunha vez por todas o problema coas enchentes que produce o desbordamento do río Gallo ao seu paso polo centro da vila. Consideramos que logo do acontecido fai escasas semanas, era un tema de debate obrigado na seguinte sesión, e comprobamos que de non ser pola nosa iniciativa quedaría sen ser tratado. Indicamos que a moción que elaboramos ten tamén o valor informativo do repaso cronolóxico polos principais feitos que explican, dende 1996, a situación actual. Os puntos para o acordo que presentabamos incidían na necesidade de tratar este asunto como de vital importancia para Cuntis, por enriba das siglas de cada un/unha, e coa necesidade de configurar unha mesa común con presenza de todas as forzas da Corporación na que esixirlle compromisos e solucións concretas ás administracións capacitadas para intervir. A moción foi aprobada grazas ao apoio de PSOE, Grupo Mixto – BNG, ademais do de Veciñanza. O PP abstívose, logo de minimizar o impacto das enchentes e defender a reforma da rúa Bernardo Sagasta. Ademais, o seu voceiro afirmou non ter recibido a moción, algo que é absolutamente incerto pois temos constancia que lle foi enviada por correo elctrónico o día 26 de xaneiro.

No relativo á moción para a prohibición do uso de glifosato, o PP recoñeceu que era a primeira vez que escoitaba a palabra ‘glifosato’, motivo polo cal decidiron absterse de novo. Esta moción tamén foi aprobada.

Na parte de rogos e preguntas, Veciñanza interesouse polas seguintes cuestións:

  • Situación da Conserxería no CPI D. Aurelio. A baixa da persoa que desempeña este cargo non foi suprida definitivamente polo Concello de Cuntis debido, segundo indicou o Sr. Alcalde, a un problema burocrático. Veciñanza insistiu en que se debe buscar a fórmula para solventar esta ausencia nun posto tan fundamental.
  • Preguntamos pola deficiente iluminación na zona do Espadenal, logo de ter solicitado por rexistro fai dúas semanas, a reparación definitiva. O Alcalde afirmou que foran enviados os operarios correspondentes para solucionar este problema e que tratarán de renovar o alumeado das rúas Olimpio Arca e Xohán Xesús González aproveitando as subvencións para a mellora da eficiencia enerxética.
  • Logo da aprobación de dúas mocións relativas á mellora da seguridade vial no pleno anterior, na aldea de Meira vén de incrementarse o límite de velocidade permitida pasando de 50 km/h a 70. O Sr. Alcalde afirma descoñecer esta situación, pero comprométese a informarse.
  • Preguntamos polas novidades a respecto da redacción de novas ordenanzas fiscais, sen obter neste caso ningunha resposta concreta máis que a tardanza do ORAL en reportar os datos solicitados.
  • Preguntamos cal é a idea do goberno local a respecto dos soportes de propaganda electoral, deteriorados pola maleza. O Sr. Alcalde afirma que en próximas datas realizarase unha completa limpeza do casco urbano que incluirá ese soportes.
  • E por ultimo, consultamos as deficiencias da calefacción da Biblioteca Municipal, ante o que se nos contesta que foron solucionadas recentemente, e que será necesario ver se é definitivo.
Share

Tamén pode gustarche...