Resumo do pleno do 31 de marzo

O pasado xoves, 31 de marzo, celebrouse a correspondente sesión ordinaria do pleno de Cuntis. Logo da habitual aprobación da acta, debatéronse dous escritos remitidos ao pleno por parte da Plataforma Veciñal pola Recuperación do Patrimonio Termal, que aínda que foran presentados en vésperas do pleno de xaneiro non fixeron parte da orde do día ata este mes de marzo. O primeiro deles chamaba aos grupos políticos a posicionarnos e a aprobar a apertura dun Expediente de Investigación do patrimonio termal de Cuntis. Na nosa intervención sinalamos que existe unha parálise evidente por parte do Grupo de Goberno municipal en todo o relacionado coa protección e defensa do patrionio termal cuntiense. Concordamos plenamente coa apertura dese expediente e coa necesidade de darlle contido real, coa urxencia de que por parte da administración local se comece a recompilar toda a documentación e a información relacionada coa defensa da titularidade pública dos bens termais na nosa vila. Veciñanza considera que este é un asunto de interese municipal que debera estar por enriba de siglas e organizacións, e fai un chamamento á colaboración entre todas as entidades para adoptar posturas comúns en prol da causa. Este punto foi aprobado grazas aos votos favorables dos grupos de Veciñanza, PSOE e BNG. Os tres concelleiros do PP que asistiron ao pleno decidiron absterse.

O segundo dos escritos do colectivo antes citado instaba a que o goberno municipal consiga no Rexistro a documentación mediante a cal bens públicos puidesen estar inscritos a nome de particulares, así como cal será a súa posición (do goberno municipal) ao respecto e maila valoración da posibilidade de presentar un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional. Pola nosa parte, e baseándonos na argumentación exposta no punto anterior, entendemos que o feito de que bens que por definición son públicos (segundo a propia Constitución Española) poidan estar rexistrados a nome de particulares resulta totalmente inaceptable. Esixímoslle ao goberno local que abandone a deixazón de funcións na que está inmerso e comece a traballar na defensa dos bens públicos. De igual maneira, lembrámoslle que ignorar esta obriga legal puidera rematar en prevaricación, polo que instamos igualmente ao Señor Alcalde a que comece a traballar neste asunto de maneira inmediata. Os catro grupos mantiveron o mesmo voto que no punto anterior, polo que tamén foi aprobado.

O seguinte punto da orde do día era a moción de Veciñanza sobre o estado de conservación do encoro do Umia e a esixencia de responsabilidades polo incumprimento do plan Umia. A maiores da argumentación que contén a propia moción, entendemos que o acordo que plantexabamos debera ser asumible por todas as forzas políticas da Corporación por enriba das respectivas submisións de cadaquén ao seu partido político. Desgraciadamente non puido ser e, aínda que a nosa moción foi aprobada co centro-de-saude-de-cuntis_img192564t0apoio do PSOE e do BNG, o Partido Popular abstívose de novo mesmo sen facer ningún tipo de manifestación na súa quenda de intervencións. Demostra deste xeito un desinterese absoluto e unha forma de entender a súa presenza institucional que carece do máis mínimo respecto polos veciños e veciñas de Cuntis.

Incluíronse tres mocións de urxencia (dúas presentadas polo BNG e unha por Veciñanza) a maiores das presentes na orde do día. A que presentaba o noso grupo reclamaba un acordo da Corporación para esixir a transferencia do Centro de Saúde de Cuntis á Consellaría de Sanidade, feito que lle aforraría á administración local cuntiense os custes de mantemento, que deben ser asumidos pola Xunta de Galicia tal e como acontece noutros concellos. Este acordo foi aprobado por unanimidade.

Na parte de rogos e preguntas, Veciñanza interesouse polas seguintes cuestións:

  • PXOM. O Alcalde contestou que nos vindeiros días celebrarase unha reunión cos grupos municipais para informar do estado no que se atopa a tramitación deste imprescindible documento para o desenvolvemento da nosa vila.
  • ORDENANZAS FISCAIS. Como xa temos manifestado en múltiples ocasións, entendemos que a actualización e redacción de novas ordenanzas é unha ferramenta indispensable para realmente implementar políticas xustas e que rebaixen a carga impositiva aos veciños e veciñas que máis pagan. Aínda que o grupo de goberno expresa coincidencia coa nosa postura, volvemos advertir da parálise absoluta que se percibe neste punto. Ás dificultades burocráticas que presenta o funcionamento do concello ou a tardanza de certos informes non serve como escusa para non avanzar nesta materia.
  • SUBVENCIÓNS A ASOCIACIÓNS. Preguntamos pola tardanza en convocar as axudas ás asociacións culturais cando no pleno do mes de novembro o concelleiro de Cultura afirmara que serían convocadas no primeiro trimestre do ano. Foi o secretario quen deu conta dunha novidade no procedemento de convocatoria por parte do Goberno Español que retrasa os prazos.
  • SENTENZA MONTE DE ARCOS. Preguntamos pola postura do Goberno a respecto da sentenza ditada no conflito pola titularidade do monte de Arcos. Resultou curioso que ao tempo que o Alcalde confirmaba que o avogado do Concello tivera que solicitar unha aclaración da sentenza, o voceiro do BNG afirmara que se trataba dunha sentenza “moi ben fundamentada”. O Alcalde afirmou que o Concello “debe” recorrer ese fallo sen dar explicacións moito máis claras.
  • PAVILLÓN MUNICIPAL. Interesámonos polo acontecido recentemente cando a organización das 24 Horas de Fútbol Sala se viu na obriga de trasladar o evento ao pavillón da Estrada por mór do estado da pista. O Sr. Alcalde contestou que se trata dun problema de humidades para o que están a buscar unha solución.
  • DEPURADORA DA CASIÑA. Logo de ser reparada fai poucas semanas con motivo das enchentas que a desbordaron, fai poucos días volveu presentar problemas de atoamento que a deixaron fóra de funcionamento. O Sr. Alcalde contestou que está destinada unha partida para tratar de solucionar este asunto.
  • ESCRITO DIRECTOR DO COLEXIO. O Director do CPI Don Aurelio remitira a comezos de febreiro un escrito solicitando unha rectificación pública neste pleno de marzo das palabras que o Sr. Alcalde empregara para referirse á ausencia de conserxe, por entender que eran ofensivas. Veciñanza deu conta dese escrito e pediulle ao Sr. Alcalde que se manifestara ao respecto. A posición deste resultou ser no mesmo ton empregado que no pasado mes de xaneiro e, lonxe de rectificar, reafirmouse na súa postura facendo alusión mesmo a uns correos electrónicos recibidos. Nós consideramos que a normalización das relacións entre as dúas entidades (Concello e CPI Don Aurelio) debera ser unha prioridade en beneficio da comunicade educativa, e dende logo o ton do Sr. Alcalde non contribúe precisamente a esa normalización.
  • SITUACIÓN DE TESOUREIRÍA. Ao consabido atasco administrativo que dificulta a xestión burocrática no día a día hai que engadir a situación do Tesoureiro, que sendo administrativo exerce esta imprescindible función sen remuneración propia do cargo. Esta persoa dirixiu un escrito ao Pleno para que se abordara a súa situación advertindo de que se non se normalizaba deixaría de exercer unhas funcións que realiza de maneira voluntaria. Esta situación remóntase a seis anos atrás. Veciñanza expuxo este asunto sen atopar ningunha resposta concreta por parte do Sr. Alcalde, que evitou precisar máis que a xa sabida tardanza na aprobación do convenio colectivo e da correspondente RPT. Dende o noso punto de vista, ningún traballador pode exercer funcións sen cobrar polo seu traballo, e é responsabilidade do Alcalde evitar que a Tesoureiría quede sen atender, algo que sen dúbida complicaría moito a xestión administrativa do Concello.

As de Veciñanza foron as únicas intervencións nesta parte da sesión pois o grupo do Partido Popular pediu expresamente que constara en acta que non farían preguntas por non térselle entregado, segundo o seu voceiro explicou, certa documentación que requeriran. A nós parécenos unha maneira ben curiosa de entender a presenza institucional e, sobre todo, unha gran falta de respecto aos veciños e veciñas. Igualmente, se é certo que un grupo político non recibe a documentación que solicita, cualificámolo tamén como moi grave.

Share

You may also like...

1 Response

  1. 5 Outubro, 2018

    […] popularmente coñecida como ‘ordenanza de terrazas’. Esta última vén a ser o tan necesario (e demandado polo noso grupo) regulamento de ocupación do solo, subsolo e voo de dominio público. Saiu adiante a aprobación […]