Os orzamentos participativos eran un dos piares básicos do programa electoral de Veciñanza. Por este motivo consideramos como moi positiva a idea do Goberno Local de pór en marcha un mecanismo semellante que buscase as ideas de veciños, veciñas e entidades do municipio para realizar investimentos. Acordou adicar 50.000 euros do que a Deputación de Pontevedra lle transfire ao noso Concello no marco do Plan Concellos 2016. Dende o primeiro momento, Veciñanza amosou publicamente disposición para colaborar na implantación dunha medida do noso programa electoral.
O Goberno local lanzou a iniciativa sen elaborar nin procedemento, nin bases, nin publicar os criterios que se terían en conta para decidir os proxectos nin facer nada parecido ao que se podería entender por un regulamento. Naquel momento informóusenos de que se crearía unha comisión de avaliación dos proxectos composta polos catro voceiros dos grupos municipais e máis por un técnico do Concello. Xa naquela altura Veciñanza expúxolle ao Grupo de Goberno que era necesario elaborar un procedemento para que veciños/as e entidades que presentasen proxectos soubesen cal sería o modo de escolla, que criterios se terían máis en conta, etc. Malia sabermos que non se trataba de subvencións nin se produciría transferencia económica, posto que os proxectos serían executados polo propio Concello, entendiamos que o procedemento debera ser o máis claro, transparente e neutral posible. Foi en van, pois o prazo abriuse e pechouse cun concurso de ideas moi en precario, absolutamente opaco e movido pola improvisación propia dunha carencia de ideas preocupante.
Asistimos a unha única comisión de valoración, na que tan só se expuxeron os proxectos presentados pero na que non se chegou a debater absolutamente nada. O Partido Popular acudiu a ela cunha vontade escasamente construtiva, coa única intención de pór trabas e o Goberno local “axeonllouse” (metaforicamente falando) ante as recriminacións do voceiro popular. Dende aquela, non se volveu saber nin publicar nada máis: nin cales foron finalmente os criterios de decisión, nin cales son os proxectos elixidos para a súa execución, nin que se vai facer cos restantes…
Recentemente algúns medios de comunicación anunciaban que o Goberno local “publicara” os proxectos elixidos. Descoñecemos onde o fixo (na web, a día de hoxe, non) e como rematou o proceso de escolla. Como parte da suposta comisión de valoración non volvemos ser informados de ningunha novidade máis.
Estamos ante unha proba evidente da escaseza de ideas pola que se caracteriza este goberno, que impulsou unha boa iniciativa deteriorada pola improvisación. Non se pode cualificar este como un procedemento transparente nin modélico. Malia isto, a disposición de Veciñanza segue a ser a de colaborar se somos chamados/as para impulsar medidas de participación coma esta e outras que figuraban no noso programa electoral. O grupo de goberno debera explicar como foi este proceso, publicar cales foron os criterios de escolla e recoñecer os erros cometidos na tentativa de implantar esta idea.
1 resposta
[…] fagan xustiza a esa palabra tantas veces sobada e escasamente aplicada ata o de agora. Os orzamentos participativos, a auditoría de contas, a transparencia absoluta, a solución estrutural a problemas históricos […]