Crónica do pleno do 29 de xullo de 2016

A Corporación cuntiense acordou na sesión ordinaria do pleno do pasado venres substituír ao seu representante no Consello Escolar Municipal logo de aprobarse a moción presentada por Veciñanza. Esta é a conclusión máis salientable que podemos tirar de entre o acontecido na sesión celebrada a semana pasada. Como de costume, ofrecemos a crónica e axiña estará dispoñible tamén o vídeo, que segue a ser cousa deste Grupo Municipal malia que sería desexable que fose o propio goberno quen se encargara de gravar e difundir os plenos da Corporación.

Logo da aprobación das actas das dúas sesións anteriores, aprobouse tamén a modificación que era necesaria para solventar un ‘erro técnico’ no documento orixinal de Orzamentos e que permitise desta maneira abonarlle as horas extra aos traballadores municipais. Tamén se aprobou o inicio dun novo expediente para a concesión do servizo de Axuda no Fogar, xa que o aprobado inicialmente quedou deserto ao non cumprir os requerimentos necesarios ningunha das empresas que optaban no concurso.

A seguir debateuse a iniciativa presentada por Veciñanza para a remuda do representante da Corporación no Consello Escolar. Contou cos votos favorables dos catro representantes do Partido Popular que estaban presentes e cos votos en contra dos membros do goberno. Desta maneira, o Alcalde deberá no próximo pleno propoñer o nomeamento dunha nova persoa para esta función. Dende Veciñanza desexámoslle máis sorte que no primeiro intento.

Non se produciu debate nos puntos de Dación de conta do exercicio 2015, Decretos de Alcaldía e Reparos de Intervención. No apartado das mocións, a primeira en debaterse foi a presentada polo noso grupo para a declaración de Cuntis como municipio oposto ao TTIP. Foi aprobada cos votos favorables do bipartito e coa abstención do Partido Popular, que argumentou ‘non ter suficiente información‘. Prodúcenos moita satisfacción que o noso municipio se una á listaxe dos que rexeitan o tratado infame que nos ameaza.

Votamos tamén a favor da moción presentada polo BNG para a condena da Ditadura Franquista, ocasión que aproveitamos para recoñecer o traballo e a traxectoria de particulares e colectivos cuntienses que levan anos loitando pola recuperación da memoria e pola retirada da simboloxía fascista dos espazos públicos no noso municipio.

A terceira das mocións que Veciñanza presentou neste Pleno foi para instar ao Goberno Municipal a solucionar os problemas de aparcamento que padecemos na nosa vila. Foi aprobada por unanimidade, e aínda que o Alcalde afirmou estar xa a traballar na solución deste problema, Cuntis precisa resultados neste caso. As dificultades que xera a situación actual ocasionan problemas tanto para a mobilidade no casco urbano como para o comercio local.

Votamos a favor tamén doutras dúas mocións presentadas polos integrantes do Goberno Municipal. A da mellora das condicións de seguridade no Portodegómez (BNG) e a presentada para instar á Xunta á limpeza do Río Gallo (Grupo de Goberno). Tal e como indicou o noso voceiro Santi Martínez na súa intervención, Veciñanza apoiará todas aquelas mocións que procuren acordos plenarios para solucionar problemas estruturais e tan importantes en Cuntis como son estes que se poñen enriba da mesa. Pero dubidamos de se o método adecuado é a presentación de auto-mocións por parte dos membros do Goberno no canto de traballo real e efectivo para conseguir os obxectivos. A respecto da primeira delas xéranos dúbidas abondo se o carril de desaceleración que plantexa o BNG ten o respaldo técnico ou non supera a categoría de ocorrencia para a galería. No referido á limpeza do Gallo, instamos ao Alcalde a endurecer a posición do Goberno Local ante a indiferencia e a marxinación da Xunta do Partido Popular con todo o relativo ao noso Concello.

Rematada a parte de mocións, e antes do punto de pregos e preguntas, o Alcalde fixo referencia a un escrito dirixido aos Grupos Municipais remitido pola empresa cuntiense CELGA. Existiu coincidencia na decisión de agardar a ter os informes técnicos para opinar ao respecto, polo que previsiblemente será na próxima sesión cando se aborde o tema.

Na parte de rogos e preguntas, as cuestións plantexadas por Veciñanza foron as seguintes:

  • A respecto da débeda das festas patronais de 2014, o pleno aprobara no mes de xaneiro unha moción para investigar dita débeda. A día de hoxe, seguimos sen coñecer informe ningún. Na contestación, o Alcalde recoñeceu as dificultades para a elaboración dese informe e engadíu tamén que este foi un dos asuntos polos que o Tribunal de Cuentas fixo un requerimento expreso de documentación no marco da fiscalización impulsada por Veciñanza.

  • Vencido o contrcentro-de-saude-de-cuntis_img192564t0ato de mantemento da páxina web do Concello de Cuntis, preguntamos pola súa situación así como pola da páxina de turismo e instamos ao Grupo de Goberno a facerse co dominio .gal para o concello de Cuntis.

  • Preguntamos tamén pola fiscalización que o Tribunal de Cuentas leva a cabo no Concello de Cuntis, ao que o Alcalde contestou que ofreceron toda a documentación solicitada.

  • A titularidade do Centro de Saúde de Cuntis e a posibilidade de transferila á Xunta de Galicia presentouse sempre como unha prioridade para o Alcalde dende o día da súa investidura. Na semana pasada coñecemos a transferencia de 29 centros de saúde entre os cales non se atopaba o de Cuntis e, segundo palabras do Presidente da FEGAMP, tan só se transferiron aquelas que ‘tiñan a documentación en regra. O Alcalde de Cuntis recoñeceu descoñecer a que se refiren esas palabras así como cal é a documentación que teoricamente non estaría en disposición. Tamén asegurou que contactaría co propio Presidente da FEGAMP en próximos días.

  • Por último, quixemos coñecer cal era o motivo para que a Deputación de Pontevedra excluíse Cuntis do contrato de bolseiro/a que todos os anos viña ofrecendo para a realización das funcións de información turística. O Alcalde recoñeceu igualmente descoñecer cales foron eses criterios e asegurou que preguntaría por escrito polo motivo da non inclusión de Cuntis como viña sendo habitual, asumindo a posibilidade de que existiran motivos no pasado que xustificasen a penalización deste ano.

[PODES VER O VÍDEO DO PLENO PICANDO NESTA LIGAZÓN]

Share

Tamén pode gustarche...