O vello problema do estacionamento en Cuntis

As dificultades de estacionamento en Cuntis, nas inmediacións do centro da vila, son unha problemática que vén de lonxe e que son ben coñecidas por veciños e veciñas. Desgraciadamente representan tamén un sinal negativo na imaxe que os visitantes levan do noso municipio. Ademais de todo isto, a desorde circulatoria xera repercusións tanto na propia mobilidade polo casco urbano como ao comercio local e resto de establecementos. Esta non é unha situación nova e todas as forzas políticas representadas na actual Corporación son sobradamente coñecedoras da mesma.

Veciñanza presentou no pleno do pasado mes de xullo unha moción na que se instaba ao actual executivo local a adoptar medidas para solucionar estas dificultades e para tratar de ordenar o caos circulatorio que vive acotío o centro da vila. Logramos introducir na axenda política un debate necesario que viña sendo adiado dende facía moitos anos. Sabedores de que se trata dun asunto de alta sensibilidade, entendemos que o Goberno Municipal debe afrontalo con rigor e sen antepoñer o temor a repercusións políticas para avanzar cara a solución a un problema estrutural.

IMG_20160826_101950Todos os grupos da Corporación votaron en favor da iniciativa que presentou Veciñanza, e poucos días despois o Concello de Cuntis habilitaba un solar situado na rúa Circunvalación entendendo que desa maneira se aliviarían as dificultades de estacionamento. Dende o noso punto de vista trátase dunha medida que, ademais de estar precariamente anunciada, resulta totalmente insuficiente e non se atreve a ollar cara a raíz do problema. Como indicabamos anteriormente, estamos ante unha situación de carácter estrutural e a solución non pasa unicamente pola habilitación dese espazo. Requírese valentía e un enfoque global que aborde a actual regulación circulatoria. Bótase en falta un estudo serio que propoña medidas útiles dende o punto de vista técnico pero tamén consensuadas con veciños/as e comerciantes. O Goberno Municipal debera impulsar un gran debate entre todos os/as axentes implicados do que poder tirar conclusións, xa ben sexa mediante un foro, consultas, enquisas, etc. É unha problemática de suficiente importancia como para que dunha vez sexa afrontada con valentía. Durante este verán estamos a ver imaxes preocupantes, como é o acceso dos vehículos ás inmediacións da Praza de Abastos para estacionar moi preto dun dos parques infantís da Feira, coa perigosidade que isto supón. Do mesmo xeito, repítese a imaxe de vehículos estacionados na Ponte sobre o Gallo que atoan a circulación normal, co perigo que suporía no caso producirse unha urxencia, etc.

Na mañá deste mércores, 30 de agosto, Veciñanza rexistraba no Concello unha solicitude para que, dentro do marco do que estamos a falar, se atenda de inmediato o caso concreto da Praza de Ferrol. A instancias dalgúns veciños daquela zona trasladamos ao Rexistro Municipal ese malestar eIMG_20160826_140618 as molestias que ocasiona o caos no estacionamento. Tal e como nos indicaron, e con independencia de que se precise unha solución global (como vimos sostendo), unha mínima intervención física podería solucionar molestias que sofren algúns fogares daquela praza cando atopan vehículos estacionados xusto diante das súas portas, impedíndolles mesmo o acceso á súa casa.

Ás poucas horas viamos como mediante bando municipal o Concello anunciaba que se perseguirían os estacionamentos indebidos. Dende logo que é esixible o cumprimento das normas e entendemos esta medida como algo que se enmarca na máis absoluta normalidade.

Alegrámonos das dúas medidas postas en marcha polo Goberno Municipal neste eido, máis botamos en falla a existencia dunha articulación entre elas. Un plan, en definitiva, orientado a solventar os problemas existentes no referido a mobilidade e estacionamento no centro da vila. Instamos ao Goberno Municipal a que se atreva a entrar con decisión nesta problemática e impulse un diálogo entre todos/as para dar resposta unha das principais demandas que hoxe en día están pendentes de resolver en Cuntis.

Share

Tamén pode gustarche...