Mellor difusión da oferta, máis participación da xente

Cuntis conta cun gran número de entidades veciñais que promoven ao longo do ano unha gran oferta de actividades que complementa e amplía a que ofrece o Concello. Isto convértenos nun municipio vivo e dinámico, cunha variada oferta cultural, deportiva e de lecer impulsada por un tecido asociativo que conta con moita xente que desinteresadamente adica moitos esforzos e recursos a organizar propostas para os/as demais. Malia isto, obsérvase unha falta de coordinación na súa difusión, o que dificulta que veciños e veciñas tanto da vila como do rural accedan a unha información completa que lle poida reportar aos/ás propios/as organizadores/as de cada actividade mesmo maior participación nas mesmas.

Cuntis presenta claras deficiencias neste eido. Os medios de difusión dos que dispón o Concello oscilan entre a non difusión das actividades e a non actualización da información. Páxinas web, redes sociais e folletos impresos limítanse, no mellor dosdifusion casos, a informar de maneira puntual de programas concretos de cada área, sen difundir nin tan sequera actividades nas que o Concello de Cuntis colabora ben sexa de maneira directa (incluso economicamente) ou indirectamente. Existe un desamparo informativo no relativo á difusión da oferta de lecer, cultural e deportiva da que dispón o noso municipio. Co máximo respecto á autonomía de cada entidade, toda aquela actividade apoiada con recursos públicos (xa sexan económicos ou materiais) debera tamén ter o soporte informativo da administración local para facilitar a participación veciñal na medida do posible.

Veciñanza ofrece unha nova proposta para tratar de conseguir maior participación nas actividades que se organizan ao longo do ano en Cuntis, así como maior difusión das mesmas. Preséntase como necesaria a creación dun boletín que periodicamente recolla toda a oferta cultural, deportiva e de lecer que, de maneira directa ou indirecta, ten o soporte do Concello. Do mesmo xeito, non entendemos cal é o motivo polo que non se aproveitan debidamente os soportes dixitais que o Concello ten, de balde, á súa disposición, tales como as redes sociais. Capítulo á parte merecen as páxinas webs municipais (tanto a principal como a específica de Turismo), cuxa aportación non só é nula senón que xera gran confusión. Dende unha posición construtiva, e coa pretensión de aportar ideas, Veciñanza presentará no próximo pleno unha proposta neste sentido para que o Goberno local impulse unha idea que reportará beneficios tanto a entidades como a veciños/as.

Share

Tamén pode gustarche...