O Goberno Local aproba en solitario os orzamentos para 2017

Os orzamentos municipais son a ferramenta máis importante das que dispón un Goberno Local ao longo do ano para desenvolver a súa acción, polo tanto, o seu debate e aprobación é unha das principais referencias na vida municipal. En Cuntis tocaba facelo no pleno do pasado xoves, 1 de decembro, no que esta cuestión era a primeira na orde do día (logo da pertinente aprobación da acta da sesión anterior). Como é sabido, Veciñanza presentara varias emendas á proposta do Goberno coa intención de apoiar as contas se estas propostas tiñan cabida. A nosa acción institucional recoñécese polo carácter construtivo e estas achegas procuraban a mellora dun borrador que nós entendiamos que presentaba carencias.

Recibimos o documento definitivo dos orzamentos cando pasaban poucos minutos das sete e media da tarde, a falta de tan só hora e media para o comezo do pleno. Entendendo as posibles dificultades que puidese haber, non é posible valorar nesas condicións como é preciso un documento tan importante como o que estamos a falar. Na nosa intervención informamos desta cuestión e pedimos que o punto se adiase a unha sesión extraordinaria para poder valorar con tempo a documentación recibida. Como é lóxico, sería unha irresponsabilidade apoiar algo que non puidemos examinar debidamente. A nosa función na Corporación non é solventar trámites, senón tomar cada asunto co rigor e a seriedade que merece, especialmente se estamos a falar de cartos públicos. Para a nosa sorpresa o Alcalde Manuel Campos non aceptou a petición e teimou en aprobar as contas do ano que vén sen que os grupos da oposición dispuxeramos da documentación co tempo debido. Consideramos unha absoluta falta de ética esta decisión e non entendemos cal era a razón para asumir un erro e rectificalo debidamente, pero dende logo ante estas formas de ningunha maneira se pode falar de transparencia. Unha vez revisada a documentación, comprobamos como a estimación das nosas emendas foi tan só relativa: a campaña proposta para a fixación de poboación e o incremento da partida para o fomento da natalidade non está recollida, e a inclusión do proxecto de sinalización para o rural non vai máis alá dun cambio nominal da partida inicialmente prevista. Sabedor da abstención do Partido Popular, o Alcalde decidiu evitar o debate e as explicacións e sacou adiante as contas municipais do 2017 unicamente cos votos do BNG e mailo PSOE. Os grupos da oposición abstivémonos, malia que tan só Veciñanza amosou vontade de participar e mellorar o borrador inicialmente proposto.

O terceiro punto da orde do día era a aprobación da Ordenanza de Honras e Distincións, que contou coa unanimidade de todos os grupos.

A seguir debateuse sobre o recurso presentado por unha das empresas que participou no primeiro concurso para a licitación do Servizo de Axuda no Fogar. A proposta do Goberno era a estimación dese recurso asumindo que a mala redacción dos pregos foi a causante de que ningunha das empresas presentara correctamente a documentación esixida, quedando xa que logo deserto e tendo que iniciarse unha nova redacción de pregos. A decisión de absternos de novo fundaméntase en dúas evidencias preocupantes: é responsabilidade do Goberno pola mala redacción do concurso atoparnos nesta situación e, doutra banda, non temos a seguridade de que nin estimando dito recurso nin desestimándo este asunto non vaia rematar nos Tribunais. O noso desexo é que este asunto remate da maneira menos lesiva posible e, por suposto, sen verse para nada afectada a prestación do servizo.

O seguinte punto da sesión era o nomeamento dun novo representante municipal no Consello Escolar, logo de que non pleno do pasado xullo a maioría da Corporación decidise revogar o nomeamento inicial do Concelleiro de Educación e Cultura a partires dunha moción presentada por Veciñanza. O Goberno Local propuxo desta vez a Beatriz Rey Brea, que foi elixida cos votos favorables do propio Goberno e máis do noso grupo e coa abstención do Partido Popular.

Monte do Caeiro

Outro asunto de especial importancia era a proposta de retirar o recurso presentado polo Goberno Municipal fronte á sentenza no conflito pola titularidade do monte do Caeiro. A posición de Veciñanza a este respecto foi clara dende o primeiro momento: estamos do lado dos veciños na reivindicación de que o monte no pode seguir sendo de titularidade municipal. Dito isto, cumpría facer algunhas consideracións máis:

  • Se efectivamente foi o avogado do Concello quen, de oficio, presentou este recurso, preguntámonos a quen lle corresponde a competencia de tomar esta decisión. A Secretaria Municipal rematou aclarando que aquela decisión debera ter vido a pleno, tal e como nós entendemos que debera ser. Quizais desa maneira hoxe teriamos evitado un conflito coma este. En todo caso, esta é unha cuestión que o Goberno Municipal foi incapaz de solucionar de portas a dentro e, en consecuencia, unha parte dese goberno presenta unha iniciativa que escenifica unha división de voto. Resulta incomprensible mais é así.

 

  • Esta iniciativa foi presentada ao pleno acompañada dun informe da Secretaria Municipal no que textualmente di: “Polo tanto a obrigación de defender o patrimonio municipal, é unha obriga imposta (…) non pode a Corporación Local, adoptar un acordo no sentido exposto nesta moción”. Neste caso, aínda que Veciñanza comparte a exposición de motivos da proposta de retirar o recurso, este informe limita moito a capacidade de acción é vén a dicir que a vía para solucionar este conflito non é esta. Nós defendemos que as partes acorden unha saída que, dende logo, ten que ser a de que o monte en cuestión deixe de ser de titularidade municipal.

Na votación desta cuestión unicamente votou a favor o concelleiro do BNG, desatendendo o informe referido, e abstivémonos os demais grupos. Malia que a iniciativa foi aprobada cómpre ver agora o percorrido que ten esta cuestión, na que os dous socios de goberno expuxeron posturas diferentes unha vez máis.

Mocións

A seguir, e logo da dación de contas habitual en cada pleno, chegou o momento de debater as mocións. Veciñanza presentaba dúas que xa foran anunciadas e publicadas varias semanas antes.

 

Na quenda de pregos e preguntas, Veciñanza preguntou polos postos da praza de abastos que arestora están pechados (un ano despois da súa reforma), cuestión para a cal recibimos a resposta do Alcalde de que sairán a concurso malia que non ofreceu un prazo concreto.

Share

Tamén pode gustarche...