Pleno extraordinario do 8 de marzo

Onte, oito de marzo, celebrouse un Pleno Extraordinario para a aprobación de dúas iniciativas vinculadas simbolicamente á data que se conmemoraba. As dúas foron aprobadas por unanimidade amosando todos os grupos políticos da Corporación o apoio a cada unha. A primeira delas era a aprobación da Constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional para a prevención da violencia de xénero. É un órgano no que estarán representadas as entidades que dunha maneira ou doutra teñen relación coa loita contra esta lacra: dende persoal técnico a forzas de seguridade, servizos sanitarios ou persoal dos estamentos xudiciais. Dende Veciñanza amosamos a nosa máxima implicación neste asunto e o apoio absoluto á creación desta mesa, co desexo de que poida ser útil e efectiva e que algún día poida ser tamén prescindible.

A segunda das propostas era a a constitución do Consello Local de Igualdade, tamén aprobada por unanimidade. Este será un organismo de participación transversal, que buscará a representación das entidades locais (asociacións, forzas políticas, comunidades de veciños/as, comunidade educativa, etc.) e que terá carácter consultivo en materia de igualdade.

Dende Veciñanza agardamos que a constitución deste consello non quede nun acto simbólico para a galería, e que realmente funcione e procure a participación máis ampla posible. Tal e como sinalou o noso voceiro, Santi Martínez, o Goberno Local perdeu a oportunidade de amosar que ten verdadeira intención de conseguir unha ampla participación, xa que no propio pleno de onte desperdiciou a magnífica ocasión de facer unha difusión axeitada e unha convocatoria para que o salón de plenos estivese cheo de representantes desas entidades ás que se pretende convocar. Ben sabido é que a comunicación e a difusión non son puntos fortes deste Goberno Municipal. En todo caso, reiteramos dende aquí todo o noso apoio a nosa disposición para participar no que sexa posible e se nos requira no ámbito da loita pola igualdade real, todos os días do ano.

Share

Tamén pode gustarche...