Pleno do 31 de marzo: aprobada a moción para o mantemento da senda peonil da Ponte do Ramo.

Veciñanza entende as sesións plenarias como o centro ao redor do cal debera xirar a política municipal, o momento no que dar conta de proxectos, de informar sobre novidades, o espazo para o debate e a contraposición de ideas entre as distintas forzas políticas representadas na Corporación, así como a ocasión para fomentar o achegamento dos veciños e veciñas á vida municipal máis alá da exhibición de trámites e burocracia. Ben sabemos que esta é unha visión idílica, lonxe da realidade actual tan pervertida por dinámicas asentadas ao longo dos anos, así como de incapacidades varias e ausencia de ideas. É un traballo longo e difícil, pero converter as sesións plenarias en debates aproveitables e participativos é unha aspiración lexítima.

Esta introdución enténdese mellor se un/unha coñece o desenvolvemento de plenos municipais en concellos como por exemplo o de Cuntis. E enténdese porque resulta case utópica a aspiración que plantexamos á vista da realidade que temos.

Na sesión celebrada o pasado venres, 31 de marzo, evidenciouse unha vez máis que para o Goberno Municipal de Cuntis os plenos son trámites a solventar o máis axiña posible, sen proposta ningunha de debate nin de proxecto para o noso municipio. Simplemente unha sucesión máis ou menos tediosa de votacións apresuradas. Foi aprobado o inicio do expediente de investigación de titularidade do chamado Camiño da Misa, na Louriña, a partires da moción que Veciñanza impulsara no pleno anterior. É un expediente, como salientou o propio Alcalde, de oficio, no que a administración por fin exerce a súa obriga de defensa dos elementos de titularidade pública. Que quere dicir isto? Pois nin máis ni menos que o feito de que este expediente se podería ter iniciado en calquera momento, sen que fose necesaria a moción de Veciñanza nin moito menos a pelexa xudicial dos veciños e veciñas da Louriña en defensa dun camiño público. Saíu adiante cos votos de Veciñanza e máis os grupos do Goberno Local, e coa abstención do Partido Popular. Merece quizais unha breve reflexión o feito de que dous dos cinco votos do PP fosen negativos ante a moción de Veciñanza e agora se converteran en abstención cando estamos a falar do mesmo tema. Cales son os criterios de voto do Partido Popular: as causas que se debaten ou quen presenta as iniciativas?

A seguir votáronse os trámites para o arquivo do anterior e fracasado contrato do Servizo de Axuda no Fogar, sendo aprobado con pregos de condicións novos un expediente de contratación que agardamos que non cause os problemas do anterior.

Os seguintes puntos da orde do día resultaron ser a dación de conta dunha serie de datos sobre o noso municipio publicados na web do Ministerio, así como os decretos de alcaldía correspondentes aos últimos dous meses. Tal e como expuxemos na nosa intervención, entendemos que as cifras por sí mesmas non achegan gran cousa, e que sería necesario contextualizalas para poder comparar a situación coa do resto de municipios da comarca, así como coas medias e co resto do País. A resposta obtida non foi máis alá de que era necesario solicitar un informe.

Queremos salientar que entre os puntos que se presentaban como dación de conta figuraba a moción da asociación Umia Vivo para a “biodiversidade fronte á eucaliptización”, da cal tivemos constancia no momento de recibir a convocatoria do pleno (tres días antes). Malia isto, e por estarmos completamente de acordo co exposto na citada moción, pedimos que se incluíse na orde do día para o seu debate mediante o procedemento de urxencia. Finalmente, os catro grupos da Corporación acordamos que se inclúa na Orde do Día do seguinte pleno.

Na quenda de mocións tan só figuraba a de Veciñanza referida á solicitude ao Concello de Cuntis de que asuma o mantemento e conservación da senda peonil de Ponte do Ramo. O concelleiro de Cultura e Turismo, como xa fixera

Ver vídeo: estado actual da senda peonil Ponte do Ramo

vídeo do estado actual da senda peonil Ponte do Ramo

durante a semana na prensa, recoñeceu que durante o ano pasado non se fixo coa documentación necesaria e perdeu a posibilidade de acceder a subvencións para efectivamente asumir a conservación da devandita ruta. Esta actitude non pode responder a outra cousa que non sexa a deixazón e o desinterese, pois era tan sinxelo como solicitarlla aos responsables da Asociación O Portavezal, que foi a entidade que no seu momento impulsou a recuperación desta senda. Pola súa banda, o Alcalde, nunha actitude bastante incomprensible, acusou á propia asociación de non ter realizado o mantemento debido durante os primeiros cinco anos aos que a propia subvención europea obriga. Ao final do pleno, no momento de cederlle a palabra ao público asistente, o Señor Campos Velay mantivo un bochornoso enfrontamento cun veciño que tan só pretendía aclarar que a documentación está a disposición do Concello de Cuntis. Poucas cousas máis lamentables que ver a responsables políticos enfrontándose con veciños que asisten aos plenos e se atreven a tomar a palabra. E non é esta a primeira vez.

Non menos bochornosa foi a actitude do Concelleiro de Cultura, que acusou aos concelleiros de Veciñanza de ‘abordar’ ao técnico de Turismo para referirse a unha reunión mantida a petición do propio técnico. A mentira en estado puro.

Na quenda de rogos e preguntas o noso grupo solicitou que se dese conta de dúas novas coñecidas nas últimas semanas por medio da prensa local: a declinación dunha empresa pasteira de Pontevedra de asentarse en Cuntis ante o suposto convite do Alcalde e a paralización do proxecto de construción dun novo balneario na vila. Nos dous casos, as respostas non foron máis alá do xa publicado: confirmar tanto a declinación no primeiro caso como a paralización no segundo.

Share

Tamén pode gustarche...