O reto de crer no noso monte

Para superar o abandono ao que foi empuxado o noso monte é preciso, primeiramente, crer na potencialidade que este ofrece. Nós estamos convencidas e convencidos da oportunidade que representa, e tamén da urxencia de virar o rumbo para convertelo en alternativa de futuro. Na xornada deste pasado sábado quixemos plantexar as liñas polas que entendemos que poden discorrer estas posibilidades. Contamos coas achegas de dous expertos que nos ofreceron dous enfoques distintos. Manuel Giménez afondou nos usos alternativos cos que podemos aproveitar o noso potencial forestal, cos que ademais de obter rendementos poñemos en valor o monte. Pola súa banda, Fuco Barreiro relatou a experiencia de Monte Cabalar a cooperativa da Estrada que leva dez anos sendo exemplo dunha xestión alternativa dos montes lindeiros con algunhas parroquias de Cuntis.

Axiña poderemos ofrecer con máis detalle o esencial da exposición de Manuel Giménez, cortesía que lle agradecemos sinceramente. No día de onte a súa exposición discorreu partindo da análise actual do monte galego, no que as principais características son a súa fragmentación en tres eixos: de propietarios/as, de parcelas e de usos. É salientable a nula ordenación, que vén a ser en boa medida núcleo de moitos dos problemas que lle afectan e que son de sobra coñecidos. O 68% dos dous millóns de ha de monte son de propiedade particular, o 30% pertencen a Comunidades de Montes en Man Común e o 2% son de titularidade pública. Logo de repasar as características do mercado madeireiro e os datos do sector, ofreceunos un completísimo abano de posibilidades que poden ser de gran interese para as comunidades de montes que procuren unha xestión sustentable dos montes. Frondosas caducifolias, cogomelos, apicultura, froiteiras forestais, pequenos froitos (amorodo, arandos, etc.), silvopascicultura (cabalar, vacún, cabrún, etc.), resina, prantas aromáticas ou biomasa son as alternativas máis viables que hoxe en día poden ofrecer rendibilidades interesantes.

A seguir, Fuco Barreiro completou os apuntamentos sinalando as dificultades reais que poden aparecer, mais tamén ofrecendo a experiencia que indica que é posible.

En Cuntis botamos en falta que unha mínima política que axude e impulse un aproveitamento distinto por parte das comunidades de montes, de parte da administración local e dentro das súas posibilidades. É posible establecer unhas liñas que orienten a comuneiros/as, axudando nesa necesidade de buscar aproveitamentos distintos. Dende a nosa humilde posición, está a disposición de quen o desexe esta axuda.

Share

Tamén pode gustarche...