Sinalizar Cuntis

Identificamos como unha das principais materias pendentes a atención e o coidado das nosas aldeas, en pé de igualdade co centro da vila e asumindo como prioritarias as necesidades das nosas parroquias. Un dos elementos que mellor define estas necesidades é a impresentable carencia de algo tan básico como a sinalización, que lonxe de ser unha cuestión puramente estética representa unha necesidade a todos os niveis. Identificar as nosas aldeas e núcleos de poboación evita, por exemplo, posibles dificultades que os servizos de emerxencias puideran atoparse en caso de seren requeridos. En pleno século XXI algo tan sinxelo coma isto segue a ser unha carencia en Cuntis.

Veciñanza considera esta necesidade como o primeiro e indispensable paso para reverter a situación de abandono na que segue sumido o rural cuntiense. Tanto é así que xa figuraba nas prioridades do programa electoral co que concorremos ás eleccións de 2015. Dous anos despois, e malia ser unha necesidade que teoricamente o Goberno comparte, seguimos agardando.

Unha das emendas que presentamos ao borrador de Orzamentos Municipais deste ano era precisamente a inclusión dunha partida adicada á sinalización do rural, algo que inicialmente non contemplaba o proxecto de orzamentos do Goberno Local. Conseguimos que se incorporara a cantidade de 15.000 euros (partida 454), e instamos ao Alcalde a iniciar esta tarefa o antes posible.

Malia coincidirmos na necesidade de sinalizar os núcleos do rural, dende Veciñanza consideramos que este non debe ser un traballo que se limite unicamente a poñer sinais nas aldeas. Un proxecto de sinalización adecuado debe conlevar un rigoroso estudo toponímico que sirva tamén para a recuperación e posta en valor desa parte do noso patrimonio inmaterial tan valiosa como é a riqueza toponímica e microtoponímica.

A sinalización como urxencia fai parte da nosa concepción sobre o rural, que non é outra que a súa consideración en pé de igualdade co entorno urbano. Esta idea, máis global que a simple limitación a asfaltar camiños e sortear puntos de luz, lévanos a unha verdadeira posta en valor de cada unha das nosas parroquias. A atención ás súas necesidades constitúe para nós un eixo de desenvolvemento incuestionable na pretensión de recuperar poboación e imaxinar futuro. Quizais nisto si que discrepemos coa liña política que amosa o Goberno Municipal de Cuntis, que vén de rexeitar a nosa proposta de acometer o saneamento completo en todas as aldeas de Cuntis con cargo aos fondos do Plan Concellos 2017. É o que ten a política de asfalto, esa curtopracista que tan só mira ás próximas eleccións e confía na ‘pichera’ para manter contentos e contentas un pouco por igual.

Agardamos que esta necesidade sexa acometida o antes posible e se poida solventar así unha carencia histórica para Cuntis.

Share

Tamén pode gustarche...