Aprobada a moción pola mellora da seguridade vial en Meira

O pleno do xoves 1 de xuño aprobou a solicitude dun préstamo ao IDAE para a substitución de todos os puntos de luz do rural, actualmente en mal estado a inmensa maioría deles, para incorporar novos sistemas que se caracterizan polo aforro enerxético. A cantidade total supera os 600.000 euros e a devolución supera os 5500 euros anuais durante dez anos, cun ano de cadencia. Veciñanza apoiou esta iniciativa ao amparo do informe económico favorable emitido por Intervención e en base á evidente necesidade de mellora no alumeado público do rural, entre outras moitas carencias que vimos sinalando habitualmente. A solicitude deste crédito foi aprobada por unanimidade e agora só queda agardar a concesión para iniciar un investimento tan importante.

Os restantes puntos da orde do día eran pouco máis que de trámite: aprobouse a asignación económica aos grupos políticos municipais que xustificaron correctamente as súas contas (unicamente PSOE e Veciñanza), aprobouse a ordenanza que regula a implantación da administración electrónica, aprobouse a creación de ficheiros para a LOPD (relativa tamén á implantación da administración electrónica), aprobouse a realización dun deslinde no Noval a fin de solucionar unha discrepancia xurdida naquela aldea e que se mantén no tempo, e creouse o Consello Municipal de Planificación Lingüística. Esta última iniciativa partía do equipo directivo do CPI Don Aurelio e contou co apoio de todos os grupos da Corporación. Dende Veciñanza felicitamos publicamente unha vez máis a promoción deste organismo e manifestamos no pleno todo o noso apoio, desexando que goce dun funcionamento real e proveitoso.

A segunda parte do pleno estivo marcada polo debate das tres mocións que presentou Veciñanza, que como vén sendo habitual é o único grupo que promove iniciativas. Logo da ritual dación de conta dos Decretos de Alcaldía dos últimos dous meses e nesta ocasión tamén da Liquidación do exercicio 2016, foi a quenda da moción para a seguridade vial en Meira. Tal e como vimos incidindo nas últimas semanas, un ano despois de termos preguntado polo incremento da velocidade máxima permitida (de 50 km/h a 70 km/h) seguimos sen resposta concreta que explique tal temeridade. O informe da policía local presentado co gallo da nosa pregunta no pleno describe perfectamente a zona en cuestión e avala a nosa esixencia de implicación por parte do Goberno Local nun asunto tan prioritario como é a seguridade vial. Tal e como explicou o noso voceiro Santi Martínez, ‘esta moción non busca simplemente unha aprobación simbólica, senón que o Alcalde asuma que se trata dunha prioridade e se faga valer ante as administracións superiores‘. Cómpre recordar que o vial é de titularidade da Xunta de Galicia. A moción foi aprobada por unanimidade.

A segunda das mocións que presentabamos era a que instaba ao Goberno Local a regular os postos de venda ambulante que nos veráns adoitan situarse nas estradas para a venda de froita, xeralmente chegada dende fóra. Non se refire esta iniciativa, como explicou a nosa concelleira Saleta Fernández, á venda de produto excedente local, nin tan sequera busca que se dificulte ou grave esta actividade. Tan só que se garanta que toda a documentación e licenzas pertinentes están regra para un dobre obxectivo: garantir as condicións de salubridade do produto que mercamos e impedir que se xere unha situación de competencia desleal que prexudique ao pequeno comercio local. Tamén esta iniciativa contou co respaldo unánime do resto de forzas políticas.

A terceira das mocións que impulsaba Veciñanza era a que buscaba a oposición á Disposición 27 dos Orzamentos Xerais do Estado, pero tamén o estudo das posibilidades que en Cuntis hai de recuperar a xestión directa de servizos municipais agora externalizados. A moción foi aprobada unicamente cos votos do PSOE e do noso grupo, e coas abstencións do BNG e do Partido Popular.

A cuarta das mocións era a asumida polos catro grupos e que quedara sobre a mesa na sesión anterior do pleno, relativa á defensa da biodiversidade e contra a eucaliptización. Aprobouse por unanimidade.

Na quenda de rogos e preguntas, o noso voceiro preguntou primeiramente pola solicitude por parte do Concello de Cuntis da subvención da Consellaría para a normalización lingüística. O propio concelleiro de Cultura asegurou que efectivamente fora pedida malia que non sabía nin que día remataba o prazo nin cando se solicitara exactamente.

Seguidamente interesámonos pola situación do vehículo calcinado que se atopa dende fai meses na aldea de Cardecide, ao que o Alcalde nos contestou que se trata dun asunto que está en mans do Xulgado de Caldas. Dende Veciñanza entendemos que máis alá das cuestións competenciais, a este Alcalde fáltalle contundencia cando se trata de velar tanto por cuestións de seguridade como mesmo de medio ambiente que teñen lugar e ocorren no noso termo municipal.

A terceira das preguntas era a relativa á solicitude de subvención para a creación dun obradoiro de emprego. A resposta do Alcalde foi que non concorreran a esa axuda por apostaren polo programa de formación que xa comparte Cuntis con Caldas de Reis. Consideramos indignante o prescindir desta posibilidade á vista da situación que desemprego que presenta o noso municipio (369 persoas) e da infrautilización das instalacións do CFO da Ran.

Por último, quixemos saber da notificación de Augas de Galicia en relación cun expediente sancionador aberto ao concello de Cuntis por uns vertidos ao río Umia. O Alcalde informou que o motivo de tal expediente fóra a parada da depuradora da Hervés (Troáns), situada á beira do encoro do Umia.

Share

Tamén pode gustarche...

1 resposta

  1. 10 Marzo, 2018

    […] O 1 de xuño de 2017, Veciñanza presentaba ao pleno municipal unha moción para que o Concello de Cuntis lle esixira á Xunta de Galicia a reposición do límite de velocidade no vial PO-226 ao seu paso por Meira. É a estrada que une o noso municipio con Moraña e soporta diariamente unha importante intensidade de tráfico, e o treito ao que nos referimos presenta ademais moitas deficiencias, polo que a elevación do límite de velocidade (de 50 km/h a 70 km/h) era unha decisión absolutamente incomprensible por parte do Goberno Galego, que é o titular do vial. A moción aprobábase por unanimidade. […]