Venda de froita nas estradas: control da competencia en defensa do comercio local

No pleno do pasado 1 de xuño aprobouse a iniciativa de Veciñanza para a regulación e o control dos postos de venda ambulantes nas estradas. Vemos como nos últimos anos veñen proliferando este tipo de prácticas nas estradas do País que consisten en pequenos postos de venda fundamentalmente de froita, sen moita infraestrutura, con dubidosas garantías e para o que Cuntis non é unha excepción.

A moción presentada por Veciñanza tan só pretende o escrupuloso cumprimento das normativas esixidas a calquera actividade comercial. Non vai máis alá de instar ao Goberno Municipal a que exerza o control sobre estes postos para garantir que dispoñen dos permisos e licenzas municipais correspondentes así como dos requisitos en materia de salubridade que son preceptivos. E cómpre insistir na diferenza entre este tipo de postos, chegados en moitos casos doutros territorios para introducir aquí produto foráneo, cos que se adican á venda do excedente de produto local. A moción de Veciñanza diríxese ao primeiro dos casos.

E por que é tan importante que o Goberno Municipal exerza este control?

Por unha razón fundamental: para evitar situacións de competencia desleal que prexudiquen ao pequeno comercio local. A iniciativa de Veciñanza é fundamentalmente unha medida en defensa do comercio local de Cuntis, concretamente dos sectores (esencialmente froitarías no caso ao que nos referimos, pero tamén supermercados) que se poden ver afectados se se produce unha actividade comercial sen os permisos e garantías oportunas.

Malia que Partido Popular e Grupo Mixto BNG coincidiron na interpretación perversa da moción, falando uns supostas taxas e outros de asuntos competenciais, finalmente a moción saíu adiante por unanidade. Descoñecen que esta reivindicación non é nin nova nin exclusiva de Cuntis, senón que diversos colectivos da provincia de Pontevedra veñen poñendo este asunto enriba da mesa dende fai anos. A Asociación Galega de Ambulantes e Autónomos tense dirixido xa á FEGAMP para que esta á súa vez traslade aos concellos a esixencia de que estableceren este tipo de controis.

Agardamos que o Concello de Cuntis realice esta labor de vixilancia co dobre obxectivo de garantir a competencia leal e de preservar as garantías de salubridade do produto que se pon á venda.

Share

Tamén pode gustarche...