O río agredido

A semana pasada tiñamos constancia dun vertido de cor grisácea ao río Gallo, a poucos metros da ponte e en pleno centro da vila. Producíase por unha das saídas que se atopan no propio cauce fluvial, concretamente na súa marxe esquerda. De orixe oficialmente descoñecida, estas verteduras non son algo illado e engordan unha listaxe que vén de lonxe. Xa polo ano 2007, cúmprense dez anos, a Asociación O Fervedoiro denunciara vertidos semellantes que constitúen unha agresión medioambiental á que urxe pórlle fin. A respecto do acontecido a semana pasada, a vertedura non obtivo maior repercusión e dende o Goberno Municipal non se ofreceu ningunha resposta pública.

A conservación do noso río vén sendo unha reivindicación maioritaria á que Veciñanza puxo voz en varias ocasións. O aspecto que presenta o Gallo ao seu paso polo centro da vila está lonxe de ser o aceptable, e se a isto lle engadimos a posibilidade de verteduras nocivas que seguen sen controlarse, o maltreito río Gallo seguirá a ser materia pendente. A conservación medioambiental debe fixar como obxectivo prioritario a solución aos problemas do Gallo, e o Goberno Local debe esixirlle con rotundidade a Augas de Galicia que acometa dunha vez por todas os traballos no leito do río. No referido ao control das verteduras, o Concello de Cuntis é quen debe asumir a tarefa do control do saneamento.

Dende Veciñanza reclamamos que o Goberno Municipal lidere unha postura contundente fronte a Augas de Galicia e asuma a necesidade de controlar as verteduras, identificalas e actuar en consecuencia. Do mesmo xeito, entendemos que o Goberno Local debe amosar unha postura de maior transparencia informando e explicando este tipo de situacións, e non refuxiándose na terrible normalización destas agresións medioambientais mentres seguen a pasar os anos.

Share

Tamén pode gustarche...