Iniciativa fronte a parálise: cómpre buscar alternativas para o desenvolvemento do Polígono da Ran

Veciñanza presentou canda o deputado provincial Xosé Lois Jácome a moción que se debaterá no próximo pleno para instar ao Concello de Cuntis a que demande a colaboración económica da Deputación de Pontevedra no desenvolvemento do Polígono Industrial da Ran. Saleta Fernández e Santi Martínez explicaron que a regularización da área empresarial de Cuntis é fundamental para o desenvolvemento socioeconómico e para tentar imaxinar posibilidades de futuro na nosa vila.

Santi Martínez, voceiro de Veciñanza, puxo en valor o Polígono industrial da Ran, por ser este “un eixo fundamental para o impulso socioeconómico que Cuntis precisa”. Esta área empresarial leva demasiados anos sen regularizar, isto provoca entre outras cousas descenso da poboación ligado á falta de oportunidades laborais e taxas de desemprego alarmantes. Fronte a isto existe a alternativa do Polígono da Ran, que fomentaría o emprego industrial se esta área estivese en plenas condicións.

Tanto Jácome como Martínez ven este polígono como un punto estratéxico e privilexiado, pois está a pé da estrada N-640, preto da AP-9, do Porto de Vilagarcía e de Pontevedra ou incluso Compostela. É por isto, que tanto dende Veciñanza como dende a Coalición Son vese lóxica a posible actuación e o compromiso da Deputación de Pontevedra co Polígono da Ran; pois non é a primeira vez que a institución provincial faría unha achega deste tipo, pois xa tivo un papel protagonista na promoción de parques empresariais como o de Barro-Meis; dito apoio permitiu o desenvolvemento da zona atraendo a novas industrias que crearon emprego.

No vindeiro pleno, presentase pois esta iniciativa que buscará a adopción de diferentes acordos; instar á Deputación de Pontevedra a asumir a importancia do desenvolvemento de dito polígono industrial e a súa implicación nas tarefas necesarias para a súa regulación.Ademais, é primordial para Cuntis que a Deputación inclúa nos orzamentos do 2018 unha dotación económico para o desenvolvemento da área empresarial sita no Polígono da Ran.

Alén destes principais puntos, Veciñanza tamén instará á institución provincial á creación dun viveiro de empresas na vila, e ao goberno municipal de Cuntis a crear unha comisión de traballo que inclúa a todos os grupos políticos da corporación solicitando así reunións de
inmediato coa Deputación de Pontevedra, Xestur e a SEPI. Jácome manifestou o seu total apoio dende a Coalición Son na Deputación e comentou que “o obxectivo é continuar realizando este traballo interinstitucional que achegue a Cuntis o necesario para desenvolver o Polígono da Ran, sabendo que é unha loita a longo prazo”.

Share

Tamén pode gustarche...