Algo se move na Ran

No pleno do pasado mes de xullo quedaba aprobada a moción de Veciñanza que propuña un impulso ao Polígono da Ran. Entendemos que é preciso reactivar a acción política para buscar alternativas e poder desbloquear a situación irregular na que se atopa. Contamos co inestimable apoio do deputado provincial Xosé Lois Jácome, da Coalición Son, e a citada moción contou co voto favorable de PSOE e PP. Demandamos, entre outras cousas, que a Deputación de Pontevedra, así como o resto de institucións públicas, se implique economicamente no financiamento dos ‘pasos’ que restan para o desbloqueo do parque empresarial de Cuntis: a posta a disposición dos terreos e a urbanización completa das parcelas.

Poucas semanas despois temos a oportunidade de comezar a avanzar. O Concello opta á execución dun proxecto consistente na ‘humanización’ do vial do polígono e a creación dun viveiro de empresas na antiga escola de Meira. Este proxecto está cofinanciado nun 80% pola Deputación de Pontevedra e, ademais, cumpriría unha das nosas grandes demandas: revitalizar as vellas escolas unitarias do rural cuntiense.

Como non podía ser doutro xeito, Veciñanza amosa o seu apoio absoluto a este proxecto e todas as iniciativas que supoñan avanzar cara o desbloqueo absoluto do Polígono da Ran. Debaterase no pleno extraordinario da semana que vén e a partires da súa aprobación terá un prazo de execución de doce meses.

Con todo, non nos conformamos. Demandamos o cumprimento do acordado no pleno e a creación dunha mesa de traballo para iniciar os contactos precisos para avanzar cara o obxectivo.

O noso voceiro, Santi Martínez, explicábao así en Radio Estrada.

Share

Tamén pode gustarche...