O pleno extraordinario solicitado por Veciñanza para abordar a situación da atención sanitaria en Cuntis saldouse con menos concreción da desexable. A sensación xeral ao remate durante a sesión foi a de que unicamente o noso grupo tiña intención de verdadeiramente buscar alternativas, quedando como un mero trámite para os outros tres.
Veciñanza desenvolvera durante os dous días anteriores unha intensa campaña de mobilización (redes sociais, prensa, pasquíns e mesmo unha pancarta no centro de saúde) buscando unha asistencia veciñal e unha participación que finalmente non foi satisfactoria. O resto de grupos, incluídos os dous que forman o Goberno Municipal, non moveron nin un só dedo neste sentido. Argumentando razóns competenciais, o Alcalde decidiu non asumir as propostas de Veciñanza como moción para votar e adoptar polo tanto acordos plenarios. Sen concretar ningunha delas, afirmou que algunhas das cinco propostas que presentaba Veciñanza non eran competencia do pleno. Resulta difícil de entender que non sexa competencia do pleno instar ao Goberno a tomar unha serie de medidas, que vén sendo o formato habitual do resto de mocións.
Logo dunha valoración xeral da atención sanitaria en Cuntis por parte do voceiro de Veciñanza, Santi Martínez, o resto de grupos limitáronse a cumprir o trámite da súa intervención sen facer ningunha achega realmente válida para a procura de medidas ante o asunto a tratar. Foi, sen dúbida, decepcionante. O Alcalde propuxo como acordo da sesión a solicitude dunha reunión coa Consellaría de Sanidade nunha marxe de quince días. Aceptou, se non se consegue dita xuntanza, valorar o resto de medidas propostas.
Veciñanza insistiu en que non son incompatibles as outras propostas, e que o Concello ten medios e recursos para iniciar, por exemplo, unha campaña informativa ou unha recollida de sinaturas. O pleno pechouse con este acordo e, pola nosa banda, faremos no próximo pleno (o ordinario de setembro) seguimento desta cuestión.
O primeiro punto da orde do día fora a aprobación do proxecto de arranxo do vial do Polígono da Ran e a creación dun viveiro de empresas en Meira, na antiga escola. Como non podía ser doutro xeito, foi aprobado por unanimidade (incluíndo o voto favorable do Grupo Mixto – BNG, que no pleno anterior se abstivera ante unha cuestión semellante).