Crónica do pleno de setembro: entre a chapuza e a parálise

O pleno ordinario do mes de setembro pode servirnos para tirar conclusións claras da acción de goberno que levamos vendo no que vai de lexislatura. Apréciase unha notable falta de ideas e unha improvisación que en moitos casos dá como resultado situacións verdadeiramente impropias. Debullaremos máis polo miúdo o acontecido.

Logo da habitual aprobación de actas de anteriores sesións, o primeiro punto da orde do día era a escolla de festivos locais para o ano 2018. O Concelleiro de Cultura presentou unha proposta obtida dunhas supostas votacións que foron criticadas polo voceiro de Veciñanza, Santi Martínez. Cando no ano 2015 o noso grupo ensaiara un procedemento semellante, vía web, a falta de fiabilidade fora o argumento central das críticas. Cando agora, dous anos despois, o Bipartito de Cuntis repite o proceso, o sorprendente é que malia contar cos medios e recursos propios do Goberno (dos que nós obviamente non dispoñiamos) consegue empeorar notablemente o ensaio levándoo á categoría de ‘chapuza’. Sen apenas difusión nin información do proceso (unha nota de prensa o día anterior) e con dúas urnas nas que non existía nin control de ningún tipo, nin identificación nin nada nada semellante, os resultados non gozan de credibilidade ningunha. Cónstannos casos nos que unha mesma persoa chegou a votar tres e incluso máis veces. A ineptitude que destilou este proceso é un fiel reflexo de quen o promoveu. Finalmente, e coa abstención de Veciñanza, fixáronse como festivos locais o 11 de xullo e o 17 de agosto.

A seguir chegaba a proposta de Alcaldía de mudar a data dos plenos para os xoves, na vez dos venres como estaba acordado no primeiro pleno da lexislatura. Na práctica xa viña sendo así, posto que o Alcalde ten a facultade de convocalos cando estime oportuno, con ou sen acordo. As razóns esgrimidas para este cambio (a suposta manchea de actos que hai os venres e aos que teñen que asistir tanto Alcalde como concelleiros/as) é falsa, e a razón verdadeira é outra, que non foi exposta. Veciñanza criticou este cambio, incidindo que por enriba de facilitarlle a asistencia aos/ás membros da Corporación, o Goberno Local debera buscar a participación dos veciños e veciñas de Cuntis anunciando debidamente a convocatoria dos plenos, a súa orde do día, promovendo a asistencia e a participación… Pero aquela promesa de ‘transparencia’ coa que se selou o pacto bipartito quedou no esquecemento. Malia o voto en contra do noso grupo, a proposta saíu adiante.

O punto 4 era a aprobación inicial da ordenanza que regula o uso da Escola da Portela como local de ensaio. Trátase dun texto cativo, con múltiples carencias e moi incompleto, polo que chamarlle Ordenanza antóllase bastante xeneroso. Limita o uso ao ensaio de grupos musicais ‘non profesionais’ e establece unha serie de normas básicas habituais neste tipo de casos. Veciñanza caracterizouse dende o primeiro momento por reclamar unha actualización de ordenanzas e a redacción das que non existisen nas areas nas que fose preciso. Consideramos que este texto é unha oportunidade perdida pola súa inconcreción, polo que o noso voto foi negativo. Foi aprobado co apoio dos grupos do Goberno e coa abstención do Partido Popular.

No punto 5 aprobouse a adhesión de Cuntis á rede de Cidades Saudables.

Debatéronse as seguintes mocións:

  • Polo mantemento da Área Sanitaria de Pontevedra, presentada polo Grupo Mixto – BNG. Aprobada cos votos a favor de Veciñanza, PSOE e BNG e coa abstención do PP.

  • Pola devolución do Pazo de Meirás e contra a impunidade do Franquismo, do BNG e de novo cos mesmos resultados da anterior.

  • Contra o asentamento da vespa velutina, do PSOE, que foi aprobada por unanimidade.

  • Pola creación dunha oficina de Información e Asesoramento Forestal, de Veciñanza, que contou co apoio do PSOE, PP e a abstención do Grupo Mixto – BNG.

  • Polo recoñecemento público a Manuel Xacobe Fernández Mariño, proposta da Plataforma pola Recuperación do Patrimonio Termal e defendida polo Grupo Mixto – BNG, que contou coa unanimidade de todos os grupos para a súa aprobación.

Na quenda de rogos e preguntas, Veciñanza interesouse polos seguintes asuntos:

  • Estado do expediente do Camiño da Misa, na Louriña. O Alcalde afirmou que estaban diante outros expedientes e que en canto ‘puideran’ se porían con el. Neste asunto existe un acordo plenario de xaneiro deste mesmo ano, pero a premura na defensa dun espazo público non parece figurar entre as prioridades deste Goberno.

  • Adhesión de Cuntis ao Plan de Composteiros da Deputación de Pontevedra. É unha opción polo momento desbotada xa que Cuntis acóllese ao plan de recollida de residuos, segundo explicou o Alcalde.

  • Estado de parálise do Centro de Día. O Alcalde explicou que conta xa con electricidade e saneamento e que se permanece á espera de que a Xunta de Galicia presente o convenio para a súa posta en funcionamento.

  • Regato do Barreiro

    Reunión con Conselleira de Infraestruturas, postura da Xunta de Galicia a respecto da seguridade no vial de Meira. O Alcalde confirmou que o Goberno Galego non contempla a redución de velocidade naquel punto. O voceiro de Veciñanza, Santi Martínez, recordoulle ao Alcalde que non se lle fixo entrega do expediente relacionado con este asunto e que foi solicitado a comezos do mes de setembro.

  • Estado de tramitación do PXOM. O Alcalde confirmou que están á espera dunha reunión coa Directora Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia. Mentres tanto a parálise nun tema fundamental para o desenvolvemento da nosa vila continúa.

  • Limpeza do regato do Barreiro. O Alcalde dixo que non estaba remata a limpeza dos ríos e que se limparía tamén este regato.

  • Estado do encoro do Umia. Ante a petición dunha convocatoria da Comisión de Medio Ambiente solicitada por Veciñanza no pleno anterior para avaliar o estado de contaminación do encoro do Umia, o Señor Alcalde reaccionou é defensiva tratando de argumentar a súa non convocatoria, escusándose por enésima vez nunha cuestión competencial e ignorando de novo o problema medioambiental máis grave da comarca, instalado tamén no termo municipal de Cuntis. Non lle gustou ao Alcalde a recriminación do nulo compromiso medioambiental impropio dun Goberno autodenominado ‘de esquerdas’.

Share

Tamén pode gustarche...