Canto imos pagar pola auga en Cuntis?

Onte celebrouse unha sesión extraordinaria do pleno municipal adicada a aprobar varios expedientes que precisaban o acordo plenario e maila renovación de dúas importantes ordenanzas: a que fixa as tarifas de auga e a que regula e fixa os prezos das instalacións deportivas municipais.

A xeito de trámite, foron aprobadas por unanimidade a desafectación do primeiro andar do coñecido como Edificio dos Mestres, no que se ubicarán as dependencias municipais de Servizos Sociais; a aprobación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar; o deslinde dun vial do Noval que mantiña un expediente aberto dende había moito tempo e maila Conta Xeral de 2016.

Houbo máis debate no relativo ás ordenanzas da auga e das instalacións deportivas. Explicamos, a seguir, como discorreron.

Veciñanza vén teimando dende o primeiro día que accedeu á Corporación Municipal na necesidade de actualizar as ordenanzas reguladoras e fiscais que rexen en Cuntis sobre diversos servizos. Hai dúas semanas fomos convocados a unha reunión co Alcalde e con dous técnicos municipais para participar na elaboración dalgunhas que está previsto aprobar nos próximos meses. Puidemos facer achegas e amosamos a nosa disconformidade naqueles aspectos que non considerabamos positivos para os veciños/as de Cuntis.

No referido á Ordenanza que fixa as taxas da auga, cómpre facer as seguintes consideracións:

  • A necesidade de actualizala vén dada polo feito de que estamos ante unha taxa que leva sen ser revisada dende o ano 2006. Os efectos da xestión económica do Partido Popular van máis alá do superficial e teñen xerado consecuencias máis graves do que a priori se pode apreciar.

  • Segundo o informe económico do expediente, o servizo presenta un desequilibrio máis que notable: arroxa arredor de 14.000 euros anuais en perdas.

  • Conseguimos incluír na ordenanza a exención da cota mínima para aquelas familias en risco de exclusión social.

  • O Goberno Municipal propón duplicar a cota mínima de consumo, quedando as taxas da seguinte maneira:

A) Para usos domésticos:

Mínimo 30 m3 /trimestre:…..7,14€

Exceso €/m3……………………0,36€/m3

B) Para usos industriais:

50 m3/trimestre ………………..15,85€

Exceso €/m3……………………..0,40€/m3

200 m3/trimestre……………….38€

Exceso €/m3……………………..0,40€/m3

4.000 m3/trimestre…………….650€

Exceso €/m3……………………..0,40€/m3

C) Por acometida …….50€/metro

D) Por Contador …….40€

Diante destes condicionantes, Veciñanza entende que é preciso actualizar a ordenanza fiscal da auga para corrixir o desequilibrio económico que presenta o servizo, pero entendemos que se debe facer progresivamente e non cargar de maneira tan brusca as consecuencias dunha mala xestión económica de gobernos anteriores sobre os petos dos veciños/as de Cuntis, cando xa existe bastante conflito no referido á cobranza dos recibos atrasados polo servizo da auga. Por estes motivos, Veciñanza non apoia que se dobre o a tarifa mínima nun servizo tan básico como é o da auga e optamos pola abstención. A ordenanza foi aprobada unicamente cos votos do Bipartito BNG-PSOE e contou co voto en contra dos catro edís do PP (dende fai varios meses, unha representante do Partido Popular deixou de acudir aos plenos).

A respecto do debate sobre a ordenanza das instalacións deportivas, o informe económico que sustenta a necesidade de actualizar a taxa presenta igualmente unhas perdas considerables entre os ingresos e os custes do servizo. Veciñanza propuxera xa no ano 2015, mediante unha moción que finalmente foi aprobada, a necesidade de corrixir e regularizar o uso das instalacións deportivas municipais (pavillón, pistas de atletismo, campos de fútbol e piscinas). Se ben participamos no borrador da proposta que chegaba onte ao pleno, evitando por exemplo que a taxa do pavillón se elevara ata os 20 euros (que era a proposta inicial do Goberno), Veciñanza está traballando nun texto alternativo que enriqueza esta ordenanza. Solicitámoslle ao resto de grupos que quedara sobre a mesa ata o próximo pleno para que o noso grupo puidera presentar dita proposta. Así o aceptaron PSOE e PP, non estando de acordo o concelleiro do BNG. No pleno ordinario de finais de novembro poderemos ter unha ordenanza máis completa e que axuste mellor as condicións de uso e prezos das instalacións deportivas. A nosa intención é poder incluír nela criterios sociais, bonos máis beneficiosos que os que se propoñen, segmentación de prezos segundo os horarios de uso, etc.

Share

Tamén pode gustarche...