25 de novembro: a importancia da pedagoxía

O Concello de Cuntis sumouse este ano á campaña ‘En negro contra as violencias machistas’ con motivo do 25 de novembro, data na que se conmemora o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Aplaudimos esta decisión e manifestamos tamén a nosa adhesión a esta exitosa campaña que se espalla xa por 75 concellos galegos. Esta iniciativa foi posta en marcha no ano 2015 polos compañeiros e compañeiras de Compostela Aberta dende o Goberno da Capital do País, Santiago de Compostela, e a súa gran repercusión é unha moi boa nova nunha tarefa que nos corresponde a todas e a todos.

A violencia é a manifestación última do problema central enquistado na nosa sociedade: o machismo. Este é o xermolo que irradia unha chea de expresións das cales a máis visible e extrema é a violencia en todas as súas formas. Nunha sociedade marcada por unha cultura estruturalmente machista e rexida polos parámetros do patriarcado, o código penal non abonda para combater unha lacra contra a que o movemento feminista vén liderando a loita e conseguindo situar na axenda un problema de primeira orde. A loita en materia legal e xudicial, así como a dotación orzamentaria precisa, son elementos fundamentais na pelexa contra esta lacra, pero non suficientes. A situación non mudará se non se introducen novos métodos nos eidos formativos e en todos os ámbitos da Educación, con maiúsculas e no sentido máis amplo do concepto. Nunha sociedade co machismo impreso no seu ADN, a pedagoxía é o instrumento máis eficaz para erradicalo e establecer así canles para avanzar cara a igualdade plena. É un camiño longo, mais gústanos pensar que está nas nosas mans percorrelo.

Neste sentido, é fundamental o ámbito público no tratamento de todo o relacionado con este problema. Xogan un papel importantísimo os medios de comunicación, como adoita repetirse acotío. As interpretacións públicas destas noticias emiten mensaxes máis potentes do que nun principio puidera parecer: non é o mesmo morrer que ser asasinada, non é mesmo a falsa obxectividade pretendida na equidistancia que a responsabilidade de protexer á vítima na descrición dun suceso, as palabras que se utilizan non poden ser seleccionadas ao azar, os enfoques non deben ser aleatorios. A linguaxe é unha ferramenta. Do mesmo xeito, sentenzas, opinións ou chíos de figuras públicas teñen unha repercusión importantísima na sociedade. A publicidade é hoxe en día un ámbito no que o sexismo ou a cousificación do corpo da muller están á orde do día, aínda que é preciso recoñecer os avances acadados. Os formatos televisivos acollen aínda expresións que non son precisamente exemplos edificantes.

A mensaxe pública que se transmite vai máis alá das palabras. As carencias en materia feminista provocan situacións vergoñentas e contrarias a ese camiño ao que antes faciamos referencia. Recentemente dúas campañas institucionais foron obxecto de críticas polo seu patético enfoque á hora de abordar o papel da muller na sociedade. Dunha banda a da Xunta de Galicia con motivo precisamente do 25 de novembro, equiparando a muller a elementos do patrimonio material ás que cómpre darlle protección e ás que se lle asigna unha función reprodutora da especie, como simples figuras dentro da familia tradicional. Doutra banda a do Ministerio de Sanidade sobre o consumo de alcol en menores, na que insinúa unha xustificación -a do consumo de alcol nas mozas- en casos de agresións sexuais, ademais de atribuírlle á nai en exclusiva a responsabilidade da educación das fillas. Son campañas que noutros tempos pasarían desapercibidas e que incluso serían aplaudidas, pero hoxe hai que atribuírlle ao movemento feminista o mérito de conseguir alertar deste tipo de episodios machistas. Merecen tamén a crítica aquelas campañas que para identificaren a violencia presentan escenas de golpes, deixando así a mensaxe de que só as agresións físicas merecen a consideración de violencia, e excluíndo polo tanto todas as outras formas: verbal, psicolóxica, económica, etc. Acontece isto polas carencias de formación en igualdade dos cargos de responsabilidade política, por encargar estas campañas como se fosen o anuncio dun produto de consumo calquera.

Esta é a nosa reflexión con motivo deste 25 de novembro: a importancia da pedagoxía e da responsabilidade nas mensaxes. A necesidade de incluír a perspectiva feminista no noso día a día, o convencemento de que só dende esta óptica é posible avanzar cara a igualdade.

Querémonos vivas!

Share

Tamén pode gustarche...