O pleno do pasado día 5 de decembro aprobou o proxecto de Orzamentos Municipais para o ano 2018. Foi cos votos de PSOE e BNG, e coa abstención dos grupos da oposición, malia que por motivos ben diferentes.
Veciñanza presentou no momento de coñecer a proposta inicial un documento de emendas para, entre outras cousas, tratar de corrixir os mesmos erros que proviñan do exercicio anterior: repetido xa ata a saciedade, o impresentable esquecemento por segundo ano consecutivo de incluír partida orzamentaria para a área de Comercio Local, ou o tratar de rebaixar o destinado a RMC para a Biblioteca Pública. As outras dúas emendas presentadas polo noso grupo, as que incidían na potenciación do desenvolvemento turístico e no incremento de dotación económica para completar os saneamentos no rural, foron rexeitadas. A aceptación só parcial das nosas propostas e o rexeitamento dalgunhas delas, polo tanto, foi o motivo para optarmos pola abstención.
Outro dos puntos salientables foi a aprobación da ordenanza de Uso de Instalacións Deportivas, que o noso grupo viña reclamando dende a aprobación dunha moción fai xa dous anos. Ao texto inicial presentamos tamén emendas co obxectivo de enriquecer o documento definitivo. O Goberno tan só aceptou as cláusulas sociais que non contiña a proposta inicial: exención para persoas en risco de exclusión social, para vítimas de violencia de xénero ou a segregación en función de horarios nocturno ou diúrno. Pola contra, non quixo incluír a nosa proposta de bonos, orientada a unha maior facilitación do uso das instalacións, fomento da práctica deportiva, control do uso e reparto equilibrado das horas. De novo, debido á aceptación só parcial das nosas propostas, optamos pola abstención.
Na quenda das mocións, aprobouse por unanimidade a que presentaba o noso grupo para a elaboración dun Plan de Emerxencias Municipal que sirva de catálogo operativo pero que ademais incida na difusión e información veciñal. O noso voceiro, Santi Martínez, aproveitou a intervención para deixar de manifesto o recoñecemento a todos os voluntarios e voluntarias das Agrupacións de Protección Civil que fan un excelente traballo. Tamén foron aprobadas as do PSOE e BNG relativas á violencia de xénero e contra os lumes forestais respectivamente. Non se aprobou a do propio BNG, contra a aplicación do artigo 155 en Catalunya debido ao voto en contra do PP e á abstención do PSOE (Veciñanza votou a favor).
Xa por último, no punto de rogos e preguntas, tratouse a perda da subvención dun millón de euros do Plan de Reequilibrio da Deputación para o proxecto do vial da Ran e o viveiro de empresas. O Alcalde ratificou o compromiso político do ente provincial con este proxecto e Veciñanza manifestou o apoio absoluto para a busca de financiamento a destinar para o desenvolvemento industrial do noso municipio. Ademais deste asunto, Veciñanza interesouse polas seguintes cuestións:
- Atención sanitaria en Cuntis e iniciativas despois do encontro cos grupos no Parlamento Galego. O Alcalde manifestou a súa idea de seguir agardando pola reunión co Conselleiro de Sanidade.
- Aprobación do resto de ordenanzas iniciadas e non incluídas neste pleno, tales como as de ocupación de espazos públicos ou a do lixo. O Alcalde respondeu que serán presentadas en vindeiras datas.
- Estado o expediente de recuperación do Camiño da Misa, na Louriña. O Alcalde volveu reiterar, como o fixera no pleno anterior, que será o seguinte expediente que se inicie dende Secretaría.
- Estado de tramitación do PXOM, ao que de novo e por segundo pleno consecutivo, o Alcalde respondeu que segue á espera dunha reunión coa área de Urbanismo da Xunta de Galicia.
- Limpeza do regato do Barreiro, outra das cuestións polas que tamén nos interesaramos na sesión de setembro. De novo o Alcalde manifestou a súa intención de insistir ante Augas de Galicia para que se proceda á súa conservación.
- Convocatoria do préstamo do IDAE para a renovación do alumeado público do rural, que segundo volveu afirmar o Alcalde non está resolto aínda.
Como se pode observar, non son poucas as cuestións que se prolongan pleno tras pleno sen que se aprecien avances. Non por iso o noso grupo deixará de insistir en cuestión tan importantes como a atención sanitaria ou o desenvolvemento urbanístico, así como nas de menor dimensión como a recuperación do camiño público da Louriña.