Seguimos propoñendo

A proposta é seguramente o sinal de identidade que máis e mellor caracteriza a nosa andaina. Recoller demandas e suxestións e ofrecer ideas para a evolución e mellora nos distintos ámbitos das condicións de vida dos veciños e veciñas de Cuntis. Baixo a premisa da colaboración e coa única intención de impulsar iniciativas e proxectos.

A transferencia económica do Plan Concellos é o principal recurso en materia de investimentos dos que un municipio pequeno, como é o noso, dispón nos seus orzamentos. É nestas primeiras semanas do ano cando o Goberno Municipal debe decidir a que se adican estes recursos, e como corresponde á nosa filosofía, Veciñanza presenta unha batería de medidas para a súa toma en consideración por parte do grupo de Goberno. Como xa adiantabamos a pasada semana, sobresae a idea de rehabilitar o edificio do Matadoiro vello. Consideramos que é o espazo idóneo para un centro de interpretación e musealización da pedra, da canteiría e da súa relación coa nosa historia, co ADN de Cuntis, dende os/as nosos/as devanceiros/as de Castrolandín ata os nosos días, pasando polos comezos do século XX e o esplendor dos nosos canteiros.

Ademais desta proposta, figuran no documento que remitido ao Alcalde Manuel Campos as seguintes iniciativas:

  • Renovación da páxina web do Concello de Cuntis. A presenza na rede de Cuntis acumula múltiples carencias, a actual web non é funcional e o mantemento do dominio turismodecuntis.es sen actualizar dende fai tres anos ofrece unha pésima imaxe para o concello. Urxe unha nova web con contidos actualizados, útil para o/a cidadán/á e adaptada a todos os dispositivos móbiles.

  • Mantemento dos Orzamentos Participativos, sen minguar a cantidade adicada en anos anteriores.

  • Saneamento do rural. Non pode deixar de considerarse este como un servizo básico que a administración ten a obriga de satisfacer.

  • Dotación económica para a posta en marcha dun plan de conservación e mantemento do casco urbano. Veciñanza presentara en novembro de 2016 un informe sobre o estado das rúas no núcleo urbano e solicitara a mellora da aparencia xeral, incidindo na necesidade de reparar elementos danados, substituír aqueles que sexa necesario, arranxo de beirarrúas, conexións eléctricas, barreiras arquitectónicas, etc.

  • Dotación económica para o desenvolvemento dun Plan de Fixación de Poboación. Nos últimos meses Veciñanza presentou unha iniciativa a este respecto considerando que o devalo demográfico é un dos principais desafíos que enfronta o noso Concello.

  • Punto de información e asesoramento en materia forestal, acordo plenario de setembro de 2017.

  • Elaboración dun Plan de Emerxencias Municipal, acordo plenario de decembro de 2017.

Sen esquecer, por suposto, o mantemento dos Orzamentos Participativos e da cantidade asignada de 50.000 €. Agardamos poder debater estas propostas o antes posible e poder impulsar, cando menos, aquelas de maior prioridade.

Share

Tamén pode gustarche...