Crónica do pleno do 1 de febreiro de 2018: encefalograma plano.

Pouco hai que contar do pleno de onte. Cunha raquítica orde do día o resultado non podía ser outro máis que un simple trámite, que é no que este Grupo de Goberno convertiu as sesións plenarias: os poucos proxectos que ten publícanse na prensa. O máis salientable de onte foi a toma de posesión do novo concelleiro Diego Torres, logo da remuda que se produciu no seu grupo municipal (BNG – Grupo Mixto) e que o converte en novo Concelleiro de Cultura.

O Pleno acordou tamén a sinatura dun convenio entre Concello e Xunta para que sexa o Goberno Galego quen convoque as prazas de Policía Local. Cuntis non é unha excepción, xa que este procedemento adoptárono tamén outros municipios en virtude dun acordo coa FEGAMP. Agardamos que axiña dea os seus froitos e Cuntis poida ver incrementado o persoal do corpo da Policía Local, que boa falta fai para contribuír a solucionar os problemas de mobilidade e estacionamento no casco urbano.

O Alcalde deu conta das cifras de poboación a 1 de xaneiro de 2018, que seguen expresando unha tendencia preocupante cunha acentuada caída que deixa o total de habitantes do noso concello en 4.750.

A única moción que foi ao pleno foi, unha vez máis, a presentada por Veciñanza. Como xa publicaramos en semanas anteriores, a moción a debater foi a que procura unha mellora na seguridade vial no treito urbano da N-640. Aprobouse por unanimidade. Agardamos que o traslado deste acordo ao Ministerio de Fomento e a intervención do Alcalde axuden a avanzar cara a adopción de medidas necesarias.

Na quenda de rogos e preguntas, o noso grupo interesouse polas seguines cuestións, malia que a actitude do Alcalde á hora de contestar as cuestións non sexa a máis clarificadora:

  • Situación da subvención denegada por parte da Deputación de Pontevedra para a intervención no vial do Polígono da Ran e a creación dun viveiro de empresas. O Alcalde contestou que, logo da desestimación do recurso, o Concello valora a presentación doutro recurso máis, así como que están a buscar financiamento por outras vías, malia non concretar nada máis.
  • Situación do edificio do Concello vello, mercado na lexislatura anterior e para o que non hai ningún tipo de proxecto. O Alcalde anunciou que non hai nin dotación económica nin idea ningunha para acometer ningunha intervención nel.
  • Situación da atención sanitaria en Cuntis e da transferencia do Centro de Saúde. O Alcalde respondeu que é partidario de adoptar outras medidas, sen concretar absolutamente nada máis.
  • Preguntamos en que prazo estima o Goberno Municipal que se poderán traer a pleno as Ordenanzas Municipais que están aínda pendentes e que se se negociaran co noso grupo, ao que o Sr. Alcalde contestou que tratarían de facelo no menor prazo prosible. Sen concretar tampouco nada máis.

Veciñanza entende que as sesións plenarias, que en Cuntis se celebran cada dous meses, deberan ser o centro da vida política municipal, para abrir debates, presentar proxectos, etc. A nosa contribución está garantida coa presentación de mocións e iniciativas, coa difusión dos horarios e a publicación das orde do día. Desgraciadamente, o resto de grupos non o entende así, e tanto o Grupo de Goberno como o Partido Popular esfórzanse en que non sexan máis que meros trámites: o Bipartito non emprega as sesións máis que para a burocracia mínimia esixible e o PP leva toda a lexislatura sen presentar NINGUNHA moción, nin idea, nin iniciativa nin nada que se lle pareza. Estas actitudes non nos convencerán, e seguiremos a manter o máximo respecto polas sesións plenarias, porque é o noso xeito de exercer a responsabilidade coas veciñas e veciños de Cuntis.

Share

You may also like...