Asistimos ao imparable avance do movemento feminista, alimentado cunha mobilización e unha expansión de discurso que o dotaron dunha presenza pública sen precedentes. Impulsado pola súa inquebrantable determinación e por unhas demoledoras estatísticas que falan dunha situación insostible para a muller, o 8 de marzo será un punto de inflexión seguramente sen retorno xa. O apoio de Veciñanza a este avanzar vén impreso no noso propio ADN: o feminismo como único instrumento válido para a consecución da igualdade.
Nos últimos días abondan as enumeracións de motivos polos que apoiar a folga convocada para o 8 de marzo. Unha simple observación da nosa realidade cotiá amósanos múltiples formas de discriminación cara a muller que poderíamos sintetizar no seguinte resumo:
-
Fenda salarial. As mulleres cobran un 22,3% menos que os homes en Galicia (dato de 2016), como vén sendo denunciado polos sindicatos. A diferenza mantense estable dende hai unha década. Un 16% das asalariadas galegas reciben soldos por debaixo do SMI, fronte ao 4,3% dos homes. Unha fenda que en boa medida se debe á maior proporción de contratos a tempo parcial que sofren as mulleres
-
Máis paro feminino. As taxas de actividade (49,1%) e ocupación (41,1%) femininas son 9 e 8 puntos inferiores ás masculinas. A taxa de paro é máis elevada (16,4% fronte ao 15%). Dende o 2013, a masculina descendeu en 7 puntos e a feminina só o fixo en 5.
-
Emprego a tempo parcial. Máis do 20% das asalariadas galegas traballan a tempo parcial, mentres a porcentaxe de emprego a tempo parcial é inferior ao 6% no caso dos homes. Unha parte importante deste emprego parcial non é desaxado, senón obrigado. 22.500 mulleres galegas afirman traballar a tempo parcial para o coidado de nenos/as e dependentes e outras obrigas familiares, mentres que só o fan por este motivo 1.100 homes.
-
Menor acceso aos postos de dirección. Tan só o 3,4% da poboación ocupada feminina traballa en postos de dirección ou xerencia, fronte ao 6,4% no caso dos homes. En Galicia son 27 mil varóns, por 12 mil mulleres, menos da metade, cunha diferenza que case non variou nos últimos anos.
-
Temporalidade. En 2017 só o 4,73% dos contratos asinados polas traballadoras galegas foron indefinidos. O resto foron temporais. Deles, o 33% tiveron unha duración inferior a unha semana e un 45% duraron menos dun mes. Neste indicador non hai apenas diferenzas con respecto aos homes, que sofren a temporalidade en igual medida.
-
Responsabilidades familiares e coidados, para elas. En 2017, 1.078 mulleres acolléronse a algún tipo de excedencia nos seus traballos para pasar máis tempo cos seus fillos e fillas. En cambio, foron só 132 homes. De igual xeito, en 2017 só 293 parellas galegas compartiron o permiso por maternidade para o coidado de nenos e nenas acabadas de nacer, pouco máis do 2%.
-
A inactividade das mulleres por ter outras responsabilidades familiares ou persoais e polo coidado de nenos/as ou de persoas adultas enfermas, discapacitadas ou maiores, dista moito da masculina por estas mesmas razóns. Por exemplo, mentres o 4,8% das mulleres que non traballan declaran non buscar un emprego para coidar dalgún familiar, apenas o 0,6% dos homes sinala que este é o motivo. Este indicador é dos poucos que nos últimos anos se vai igualando, aínda que a diferenza é aínda abismal
-
Pensións máis baixas. A pensión contributiva media nos homes ascende as 1.041 euros, e a das mulleres a 647, unha diferenza do 38%. A fenda é maior da que se rexistraba antes da crise: no 2007 era do 35,8%.
Todos estes datos son tirados do xornal Praza, e son os principais indicadores que refliten unha realidade insoportablemente desequilibrada. Veciñanza apoia con absoluta determinación a folga do 8 de marzo, así como os paros parciais e as mobilizacións. Porque sen feminismo non haberá igualdade. Instamos ao Concello de Cuntis a apoiar activamente a folga feminista e facemos un chamamento para que no noso municipio se faga notar o paro do 8 de marzo.