O 1 de xuño de 2017, Veciñanza presentaba ao pleno municipal unha moción para que o Concello de Cuntis lle esixira á Xunta de Galicia a reposición do límite de velocidade no vial PO-226 ao seu paso por Meira. É a estrada que une o noso municipio con Moraña e soporta diariamente unha importante intensidade de tráfico, e o treito ao que nos referimos presenta ademais moitas deficiencias, polo que a elevación do límite de velocidade (de 50 km/h a 70 km/h) era unha decisión absolutamente incomprensible por parte do Goberno Galego, que é o titular do vial. A moción aprobábase por unanimidade.
O noso grupo municipal xa preguntara un ano antes por esta decisión, obtendo a resposta por parte do Señor Alcalde de que descoñecía esta decisión. Pasaban as semanas e non había resultados, nin tan sequera co gallo da visita do Delegado da Xunta Cores Tourís para facer a foto nas obras de reforzo do firme do propio vial PO-226. Unha foto na que por certo figuraba sorrinte o voceiro do Partido Popular. Non sabemos se nese encontro os representantes de PP e PSOE lle trasladaron ao Delegado da Xunta o que votaran había só unhas semanas, pero o certo é que aquela visita non valeu para nada máis que para unha simple foto.
O 30 de xaneiro de 2018, Saleta Fernández e Santi Martínez, concelleira e concelleiro do Grupo Municipal de Veciñanza, dirixíanse á Conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, para exporlle a imperiosa necesidade de que o Goberno Galego rectificase unha decisión que poñía en risco a seguridade vial dun treito moi sensible (rexistro de entrada da Xunta: 13273 RX 254714). Afortunadamente esta intervención foi máis produtiva que as reunións e fotos tomadas en ocasións anteriores tanto polo goberno municipal como polos concelleiros/as do Partido Popular de Cuntis. Hoxe o vial PO-226 ao seu paso por Meira presenta de novo unhas limitacións de velocidade acordes ás perigosas condicións da estrada.

cof