O Alcalde de Cuntis acepta o pago dos trienios que reclamaba o voceiro do PP nun procedemento con risco e cheo de incertezas

Corrían as primeiras semanas da presente lexislatura, era setembro de 2015. O ex alcalde de Cuntis, o Sr. Antonio Pena, actual voceiro do Partido Popular, sorprendía rexistrando no Concello unha reclamación para que este procedera a pagarlle os trienios que segundo el lle correspondían polo seu traballo de funcionario durante os catro anos nos que foi alcalde. Facíaa cando aínda estaban sen clarexar as débedas do seu goberno, especialmente a relativa ás Festas Patronais de 2014. Sorprendía que non incorporara este concepto salarial no montante da dedicación exclusiva que percibiu durante o seu mandato, sorprendía que o fixese tan a destempo e sorprendía que fose ante unha administración da que non é traballador. A indignación entre as xentes de Cuntis non foi menor.

Naquela altura, o propio Alcalde Manuel Campos expresaba, ao igual que Veciñanza, as dúbidas a respecto desta reclamación e anunciaba a solicitude de varios informes para avalar a súa decisión.

Estreamos a primavera de 2018. Con gran sixilo, o Alcalde de Cuntis aproba o decreto de pago do famoso ‘caso trienios’. Antonio Pena percibirá un total de 8.640’47 €, malia que o gasto para as arcas públicas municipais ascende a máis de 11.446 € ao ter que abonar tamén as cotas correspondentes á Seguridade Social e á Axencia Tributaria. No decreto de pago, o propio Alcalde Manuel Campos ‘asume’ que ‘existe risco de que tanto a Seguridade Social como a Axencia Tributaria non admitan a proposta‘ de pago que realiza o Concello de Cuntis. O caso é que o Goberno Municipal imputa o pago dos trienios da lexislatura 2011-2015 unicamente aos exercicios de 2014 e 2015, para que poidan entrar no prazo dos últimos catro anos.

A reclamación do Sr. Pena foi a primeira e ata o momento única iniciativa do Partido Popular nesta lexislatura. Non se lle coñece máis actividade que a desta reclamación. A día de hoxe, o PP de Cuntis non presentou ningunha moción ao Pleno. Nin idea, nin iniciativa, nin proxecto… O seu traballo é nulo e a súa presenza simplemente anecdótica.

Este pago e o sixilo co que se pretendía efectuar xera máis dúbidas que certezas, moitas delas expresadas no propio decreto de pago. O Concello de Cuntis asumirá eses 11.446 € ante unha reclamación feita fóra de tempo e sen as garantías de que a fórmula mediante a que se fará sexa a correcta. En opinión de Veciñanza, esta ‘operación’ presenta moitas carencias tanto a nivel ético (por parte do Sr. Pena) como burocrático (por parte do Sr. Campos).

Share

Tamén pode gustarche...