O Pleno acorda convocar unha concentración veciñal en defensa da atención sanitaria en Cuntis

No día onte tivo lugar a sesión ordinaria do Pleno Municipal de Cuntis na que, entre outros asuntos, conseguimos reabrir o expediente para a recuperación do Camiño da Misa (da Louriña). Viuse impulsada outra das iniciativas que Veciñanza viña demandando: a convocatoria de mobilizacións en defensa da atención sanitaria en Cuntis.

A seguir detallamos o máis relevante dun pleno que, como vén sendo habitual, presentábase practicamente baleiro de contido.

Aprobouse, por fin, a nova ordenanza de taxas e recollida do lixo en Cuntis. Esta era unha das que Veciñanza viña reclamando con máis intensidade dende fai meses. No seu día, o noso grupo municipal participara na elaboración e propuxera a introdución de varios criterios nesta nova normativa que rexerá e ordenará, dende agora, un servizo municipal básico que se atopaba baixo absoluto desleixo.

O seguinte asunto a tratar foi o relativo ao Camiño da Misa, na Louriña. Ocupou dous puntos da orde do día. O primeiro deles era para recoñecer a caducidade do primeiro expediente, iniciado fai agora un ano e que o Goberno Local foi incapaz de resolver en prazo. Tal e como explicou o noso voceiro municipal, Santi Martínez, ‘agardamos que non volva acontecer [o deixa caducar un expediente] e desta vez o expediente se poida levar a bo termo coa colaboración entre veciños/as e administración’. Seguidamente aprobouse o inicio do novo expediente para a investigación da titularidade, que en xaneiro de 2017 viñera impulsado por unha moción presentada por Veciñanza. A nota curiosa foi a abstención do voceiro do Partido Popular, que non aceptou a aprobación deste punto.

Na quenda das mocións, unha vez máis foi Veciñanza o único grupo que presentou algunha proposta para o debate en pleno. Era a de apoio ás mobilizacións dos/das xubilados/as e por unhas pensións dignas. Foi aprobada co apoio de BNG e PSOE, e coa abstención do PP. Veciñanza aceptou engadir a proposta do BNG que consistía nunha ampliación en concordancia co texto inicial; pola súa banda, o Alcalde Manuel Campos, malia votar a favor, quixo matizar os críticas ao papel do Partido Socialista expoñendo unha serie de datos relativos ao incremento das pensións por parte do Goberno de Zapatero. Retrucoulle o noso voceiro, Santi Martínez, recordándolle o PSOE é tan culpable como o Partido Popular do debilitamento do sistema público de pensións: aumento da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos, apoio do chamado ‘factor de sostibilidade’, reformas laborais que debilitan as cotizacións, etc.

Antes do último punto, o de rogos e preguntas, o Alcalde propúxolle ao Pleno o acordo para convocar unha concentración de protesta diante do Centro de Saúde en defensa dunha atención sanitaria digna en Cuntis. Será o día 16 de abril ás 13:00 h. Esta iniciativa foi acordada previamente entre o Alcalde e o propio voceiro de Veciñanza nunha reunión en días pasados. Cómpre lembrar que é unha das medidas que o noso grupo propuxera no pleno extraordinario do mes de setembro.

Xa para rematar, no punto de rogos e preguntas, foi altamente significativa a actitude do Alcalde Campos cando dende o noso grupo lle pedimos que concretara cales son as vías de financiamento alternativo para o Polígono da Ran, nas que presuntamente está a traballar o seu Goberno. Negouse, como xa fixera outras veces, a aclarar esas supostas alternativas. En opinión de Veciñanza, esas aclaracións non existen porque o Bipartito non ten alternativa ningunha para o desenvolvemento industrial da Ran. Así de sinxelo. Con todo, non deixa de ser sorprendente a actitude ‘á defensiva’ que adopta o Alcalde ante as preguntas incómodas. Non sabemos se este é outro síntoma da transparencia que pregoa o Bipartito de Cuntis; pero o certo é que este Goberno Local non comparte con nós a idea de que o Pleno é o momento para abordar os temas de interese e para informar aos/ás concelleiros/as da oposición.

Veciñanza tamén se interesou polos seguintes asuntos:

  • Solucións para o aparcamento en Cuntis, unha vez que a finca que viña estando destinada a tal fin leva semanas pechada. O Alcalde explicou que o Concello vén de sacar a concurso público o alugueiro dunha finca para destinar a tal fin.

  • Santi Martínez pediu que se adopten as medidas correspondentes para abordar a acumulación de residuos que en moitas ocasións se poden ver na beira do río Gallo, a carón do edificio coñecido por ese mesmo nome.

  • Pedimos que se resolvan os problemas que presenta a zona do adro da Igrexa (concretamente diante da porta), que en situacións de humidade presenta zonas moi esvaradías. Solicitámoslle ao Alcalde de Cuntis que interceda ante a titular desa zona (a Igrexa Católica) para promover as solucións oportunas e evitar posibles incidentes para as persoas.

  • Situación das piscinas municipais. O Alcalde manifestou que ‘contan’ poder abrilas un ano máis con normalidade en período estival, malia que o procedemento xudicial polo que están afectadas continúa o seu curso.

  • Por último, preguntamos se o Concello de Cuntis presentara alegacións ao Plan Básico Autonómico, que é a normativa da Xunta que en materia urbanística rexerá nos municipios nos que exista planeamento propio, como é o caso de Cuntis. A resposta foi que unicamente en materia de patrimonio cultural. Na nosa opinión, en ausencia de perspectivas a respecto do PXOM, é bastante irresponsable non abordar coa seriedade que require a que será a normativa urbanística do noso concello nos próximos meses.

Share

Tamén pode gustarche...