Cuntis en defensa dunha atención sanitaria digna

A resposta veciñal á convocatoria por parte dos catro grupos da Corporación Municipal de Cuntis en defensa dunha atención sanitaria digna foi, ao noso xuízo, realmente satisfactoria. Arredor de 300 persoas acudiron para deixar patente que prestación no centro de saúde de Cuntis é bastante deficiente. Longas listas de espera ou ausencia sistemática de facultativos son quizais só a punta do iceberg dunha queixa absolutamente unánime entre os veciños e as veciñas de Cuntis. Malia estar fixada a unha hora que non facilitaba a asistencia, a magnífica afluencia demostra que a medida que alá polo mes de agosto propoñiamos é acertada.

A mobilización é, ao noso parecer, a única vía que fará recapacitar ao Sergas e á Consellaría de Sanidade, cuxo titular négase dende fai máis dun ano a atender a solicitude de reunión esixida polas catro forzas políticas da Corporación. É por iso que o noso voceiro, Santi Martínez, xa adiantou no propio acto que instarán aos demais grupos a darlle continuidade a estas convocatorias. A concentración de hoxe representa un punto de inflexión e non podemos quedar aquí sen ir a máis. Esgotadas todas as vías burocráticas e cun notable respaldo das veciñas e veciños de Cuntis, as forzas políticas estamos na obriga de canalizar esta postura e facerlla chegar a enriba da mesa dos responsables do Goberno Galego.

Reiterar, unha vez máis, o noso agradecemento a todos e todas as que acudistes en defensa da nosa sanidade pública. Un ben que o as políticas do Partido Popular están a pór en perigo no día a día por medio de recortes e deterioros silenciosos.

Share

Tamén pode gustarche...