Por unha escola infantil pública para Cuntis

No ano 2009 o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar contaba cun proxecto para a construción dunha escola infantil pública (de 0 a 3 anos) nunha parcela que o Concello de Cuntis cedera previamente, situada nas proximidades do actual Centro de Día. Aquel proxecto contemplaba unha superficie construída de máis 600 metros cadrados con cinco aulas, unha área de xogos e incluso unha pequena horta. Desgraciadamente, a chegada á Xunta de Galicia do Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo supuxo a paralización deste proxecto.

A escaseza da oferta pública na nosa comarca obriga a moitos/as pais e nais de Cuntis acudir ao sector privado para poder facer realidade algo tan básico como é a conciliación a día de hoxe. Como é obvio, o número de prazas das gardarías privadas resulta limitado, polo que a oferta pública faise máis necesaria ca nunca.. Foron varios os pais e nais que nas últimas semanas nos expuxeron esta situación, visibilizando unha necesidade clara que lle afecta á poboación do noso municipio, en especial á mocidade. Todas as forzas políticas coincidimos na necesidade de ofrecer as maiores facilidades posibles e as políticas máis adecuadas para fomentar as condicións que melloren a natalidade, e sen dúbida a oferta deste servizo melloraría notablemente estas condicións.

Veciñanza vén sostendo que un dos elementos imprescindibles para fixar poboación no rural é a implantación de servizos públicos de calidade. O caso de Cuntis é paradigmático, porque ademais das súas carencias nesta materia presenta unha poboación notablemente avellentada e en constante diminución. Veciñanza presentara fai varios meses un plan de fixación de poboación que facía especial fincapé nas facilidades que cómpre implantar no referido á natalidade. Agora, e recollendo a suxestións de varios pais e nais en idades mozas, ampliamos a esixencia e demandamos para o noso municipio unha gardería pública da rede da Xunta de Galicia.

Veciñanza instará no próximo pleno mediante unha moción a que os demais grupos políticos se sumen a esta demanda e a que o Concello de Cuntis retome, coa Xunta de Galicia, o proxecto para a construción dunha escola infantil pública no noso municipio. Veciñanza agarda contar co apoio do resto da Corporación e pediralle ao Grupo de Goberno que inicie os contactos coa Xunta a estes efectos.

Share

Tamén pode gustarche...