Cuntis volve perder unha subvención, agora en materia de mobilidade

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicaba a semana pasada a exclusión do Concello de Cuntis das axudas para a redacción de Plans de Mobilidade sostible, que concede a Deputación. De novo, o Concello de Cuntis incumpriu unha das bases (a quinta) da convocatoria e foi excluído da subvención solicitada para a redacción do estudo de peonalización do casco urbano, segundo afirmara no seu día o propio Alcalde. Unha vez máis, a incapacidade deste Goberno queda demostrada e quen paga as consecuencias é o conxunto dos veciños/as de Cuntis, que ven como calquera mínimo proxecto queda a expensas dun Goberno que reiteradamente se equivoca no máis elemental.

É reincidente. No mes de decembro pasado coñeciamos a exclusión de Cuntis das axudas da Deputación de Pontevedra para o impulso do Polígono da Ran. A administración local incumpría as bases da convocatoria e o ente provincial non achegará o millón de euros previsto para a humanización do vial e a construción do viveiro de empresas de Meira. Neste caso, a Cuntis corresponderíalle un máximo de 9000 euros, segundo o ratio poboacional establecido nas bases da convocatoria (concellos de menos de 6000 habitantes. Resultaron beneficiarios un total de 38 concellos da provincia, quedando excluídos unicamente catro, entre eles o de Cuntis. Quedamos así sen axuda para a actuación nunha materia tan necesaria como é a mobilidade no casco urbano.

Consideramos grave a incapacidade deste Goberno e intolerable a reincidencia no incumprimento de bases. Sendo o concello de Cuntis tan dependente como é das axudas doutras administacións, que sistematicamente quede excluído das subvencións por deficiencias burocráticas resulta certamente alarmante. O Bipartito demostra unha incapacidade clara e incuestionable e a súa ineficiencia pagámola todos/as. Son moitos os proxectos que dependen de subvencións provinciais e a súa denegación condénanos á paralise.

Share

Tamén pode gustarche...