Sen iniciativa municipal en materia deportiva

O pleno da Corporación aprobaba, o pasado 5 de decembro de 2017, a nova ‘Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de piscina, polideportivo municipal e outras instalacións análogas’. Trátase dunha ordenanza demandada xa por Veciñanza no ano 2015 e moi necesaria para regular e ordenar o uso das instalacións públicas para a práctica deportiva en Cuntis. Pero ademais desta función, Veciñanza propuxo no seu momento que se aproveitara para facer unha promoción específica da práctica deportiva, de todas as modalidades posibles, aproveitando precisamente as instalacións públicas existentes. A tal efecto, fixemos propostas que foron incluídas na redacción final, tales como a diferenciación de prezos segundo o horario de uso (nocturno ou diurno), beneficios fiscais para persoas en risco de exclusión social, vítimas de violencia de xénero e persoas desempregadas. Ademais destas, propoñiamos tamén outras condicións de carácter económico que entendiamos que beneficiaban tanto a usuarios/as como á propia administración no control do uso. Estas non foron aceptadas en base a criterios precisamente económicos, e en consecuencia, Veciñanza abstívose xa que entendemos que a promoción do deporte e das instalacións deportivas como un valor social, e non só como a xestión dun balance de sumas e restas.

Malia ter aprobado recentemente unhas novas taxas para o uso das instalacións deportivas municipais, o Concello de Cuntis non fixo absolutamente nada orientado á promoción do deporte, dos novos prezos das instalacións, do acceso a elas, etc. O fomento da actividade deportiva queda exclusivamente nas mans das entidades deportivas cuntienses, que grazas ao esforzo e ao traballo dos homes e mulleres que lle adican o seu tempo de forma exemplarmente voluntaria, integran a numerosos/as mozos e mozas de diversas idades. Todas esas persoas teñen o noso maior e máis sincero recoñecemento. De parte da administración local non existe iniciativa encamiñada ao fomento da actividade deportiva, nin difusión das posibilidades, nin dos horarios nin tan sequera un procedemento claro para o uso e acceso das instalacións.

Tal é o desleixo nesta materia que, como exemplo, dúas das principais instalacións deportivas do municipio, como son os campos da Ran e das Canteiras, non teñen nin tan sequera sinalización, nin rótulos nin indicación da súa localización nas vías de acceso a elas (entre elas, a N640). Non existe persoal específico (como podería ser un bedel ou posto de traballo semellante) que controle o uso, cobro e acceso ás instalacións. A acción da administración local debera ir máis alá que o simple apoio ás entidades, clubes e asociacións que traballan intensamente para ofrecer un notable abano de posibilidades en moitas modalidades. No caso de Cuntis, a ausencia de iniciativa municipal propia é clamorosa.

Share

Tamén pode gustarche...