Transparencia e talante

Un dos eixos sobre os que se asentaba, segundo nos dicían, o bipartito de Cuntis é o da transparencia. Se tratamos de acceder a día de hoxe ao apartado de transparencia da precaria web do Concello de Cuntis atoparémonos, na meirande parte das seccións, coa mensaxe de que esa sección está ‘en construción‘. E a que non está, atópase desactualizada. Coa implantación da Adminstración Electrónica (Ordenanza aprobada en pleno o 1 de xuño de 2017), o Goberno Local non acada mellor nota nesta materia. Malia ser unha canle absolutamente válida a todos os efectos, o Goberno Local decidiu restrinxirnos o acceso ao que é a parte fundamental para exercer a nosa función -como oposición política- de fiscalización e control: o Libro de Decretos.

(Noutro momento falaremos da relación entre as novas tecnoloxías, as redes sociais e as formas de difusión do Goberno de Cuntis)

Este apartado da plataforma Gestiona Es Público, que é a que  desenvolve a Administración Electrónica no Concello de Cuntis, non é accesible para o Grupo Municipal de Veciñanza dende fai varias semanas. Descoñecemos o motivo, pero o Alcalde de Cuntis, o Sr. Campos, decidiu que só poderiamos consultar o Libro de Decretos por vía electrónica no momento no que se fixera efectiva a convocatoria de cada pleno (unha vez cada dous meses).

Descoñecemos o motivo de tal decisión, e ante esta situación, e logo de solicitar o acceso permanente en varias ocasións de xeito verbal, vimos de solicitalo por escrito mediante o rexistro municipal. É abondosa a lexislación que avala o dereito á información dos/das concelleiros/as da Corporación Municipal, así como a xurisprudencia do Tribunal Supremo que a avala. Non entendemos a que se debe esta restrición, xa que non responde nin ao cumprimento dos mínimos de transparencia nin dun talante que fai augas.

Agardamos que esta solicitude formal sexa suficiente e non sexa preciso defender o cumprimento da normativa vixente noutros ámbitos máis alá dos municipais. O control e a fiscalización da acción de goberno por parte da oposición é o fundamento da acción institucional democrática. Temos a certeza de que ninguén dubida disto, por iso é máis incomprensible esta situación.

Share

Tamén pode gustarche...