A sesión ordinaria do pleno correspondente ao mes de maio presentábase cunha orde do día practicamente deserta. Unicamente contiña a iniciativa de Veciñanza para retomar o proxecto de construción dunha escola infantil pública para Cuntis. Un verdadeiro espello da acción de goberno dun bipartito que se limita ao trámite e ás fotos.
A poucas horas do comezo do pleno, o Goberno Local decidiu incluír de urxencia o expediente para a cesión do Centro de Saúde á Consellaría de Sanidade, tal e como vimos reclamando dende Veciñanza, e non só, pois esta é unha vella demanda compartida. Contou co apoio unánime dos catro grupos, pero tal e como indicou o noso voceiro, Santi Martínez, na súa intervención, isto é consecuencia da presión exercida nos últimos meses, trasladando ao Parlamento Galego esta situación e coa convocatoria veciñal do mes de abril. É, precisamente, o que nos indica que debemos seguir nese camiño, que é o que reivindica Veciñanza malia a pasividade do Alcalde neste asunto. Ademais, Veciñanza, plantexou a posibilidade de reclamaralle á Xunta de Galicia os fondos gastados polo Concello de Cuntis que deberan ser asumidos polo Goberno Galego neste sentido. Este é un asunto que cómpre valorar con detemento para determinar o seu percorrido xurídico.
Tamén foi unánime o apoio dos catro grupos á moción por unha escola infantil pública para Cuntis, iniciativa que agora lle corresponde trasladar ao Alcalde á Consellaría de Política Social da Xunta de Galicia.
Na quenda de rogos e preguntas, a concelleira de Veciñanza Saleta Fernández, plantexou as seguintes cuestións:
- No pleno do 29 de xaneiro de 2016, esta Corporación aproba, coa abstención do Partido Popular, unha moción presentada polo noso grupo e que, entre outras cousas acordaba “non autorizar o uso dos herbicidas con glifosato en todo tipo de lugares públicos do municipio”.
O 22 de maio apróbase o pago dunha factura por valor de 99’96 € para a compra dun produto denominado Tomcato, que efectivamente entre os seus compoñentes figura en máis dun terzo (36%) o glifosato. A pregunta é: mercouse ese produto para empregar como herbicida no noso termo municipal?
A resposta do Sr. Alcalde foi que, malia ter votado en favor daquela moción, entende que hai situacións nas que ‘teñen’ que usar ese tipo de herbicidas. Demostra, desta maneira, descoñecer a existencia de herbicidas sen glifosato. Demostra, ademais, que o seu voto pode obedecer, en ocasións, a criterios máis ben relativos. Coma sempre, o coidado e a protección do medio ambiente queda relegado a un segundo plano.
- Á pregunta sobre a organización das Festas de Agosto deste ano, o Alcalde Manuel Campos limitouse a respostar que será o concello quen asuma a organización.
- Ponte de madeira sobre o río Gallo, que se atopa entre o paseo público e a terraza dun bar, e que leva meses precintada e sen poder ser usada. O Alcalde contestou escuetamente que valorarase arranxala.
- Queremos chamar a atención sobre o descoido da marxe esquerda do río Gallo na zona do Castro. Se ben pola outra man hai acondicionado un paseo moi concorrido, a beira esquerda non goza do mesmo coidado, e nin tan sequera de papeleiras.