Elevar a queixa

Logo de varias semanas insistindo, o pasado luns (18 de xuño) por fin tivo lugar a Xunta de Portavoces que Veciñanza viña reclamando para avaliar a situación da atención sanitaria en Cuntis. Como é ben sabido, apostamos por darlle continuidade á mobilización do 16 de abril e por facer un seguimento exhaustivo do deterioro que os e as usuarias de Cuntis veñen padecendo no servizo. Do mesmo xeito, para facer públicas as queixas polo impresentable desprezo que o Conselleiro de Sanidade vén amosando por todos os veciños e veciñas de Cuntis ao negarse a atender a reunión solicitada polo conxunto da Corporación Municipal.

Na referida Xunta de Portavoces, os catro grupos da Corporación acordamos darlle traslado por carta ao Presidente da Xunta tanto da situación da atención sanitaria en Cuntis como da reiterada omisión que o Conselleiro Vázquez Almuíña fai a respecto da solicitude de reunión. De igual xeito, acordamos tamén convocar unha próxima concentración veciñal para comezos do mes de xullo.

Varios medios de comunicación recollen no día de hoxe, xoves, 21, que o Alcalde de Cuntis deu traslado desta queixa ao Presidente da Xunta. Non se presenta como unha iniciativa conxunta, senón como unha acción do Goberno. O correcto sería incidir en que se trata dun acordo dos catro grupos, que asinamos conxuntamente a elevación desa queixa á Presidencia do Goberno Galego. Este é un asunto no que existe consenso e entendemos que é importante respectar as formas para manter a unidade en defensa dun servizo básico para Cuntis.

Share

Tamén pode gustarche...