Tímidos avances na defensa da atención sanitaria en Cuntis

O verán de 2017 fixera saltar todas as alarmas na defensa da atención sanitaria en Cuntis e contra o deterioro ao que a Xunta de Galicia vén sometendo o servizo. Dende aquela, Veciñanza teimou en manter o asunto como unha prioridade: de solicitar un pleno extraordinario a trasladar o caso ao Parlamento de Galicia, sen esquecer a concentración veciñal do mes de abril, coa esixencia ao Alcalde de que debe amosar firmeza neste caso. Solicitamos unha Xunta de Portavoces que se atrasou máis do a que a nós nos gustaría, pero que finalmente se celebrou o 18 de xuño e na que se acordaron unha serie de cuestións que figuraban dende o primeiro momento entre as propostas que o noso grupo vén presentando. Entre elas, remitir unha carta ao Presidente da Xunta de Galicia asinada polos catro grupos. Se ben na prensa o Alcalde de Cuntis tense atribuído algunhas destas iniciativas exclusivamente en primeira persoa, nós mantemos que é necesario manter a lealdade nun asunto de tanta importancia e sinalar que existe unanimidade dos catro grupos municipais, aínda que a iniciativa e o interese, honestamente, non sexa idéntica por parte de todos/as.

O pasado día 4 de xullo os catro grupos municipais fomos convocados a unha xuntanza co Director Xerente de Atención primaria, o responsable da área de Procesos Asistenciais e o responsable económico da área de Infraestruturas. É un movemento que nós consideramos insuficiente, porque o Conselleiro de Sanidade segue sen dar a cara e negándose a atender a xuntanza solicitada, pero é tamén a demostración de que a vía da mobilización e da insistencia que defendemos é imprescindible nesta pelexa. O resultado da reunión, máis alá de que supoña un leve avance, non o podemos considerar plenamente satisfactorio. A consellaría de Sanidade non ten unha explicación concreta a respecto das impresentables listas de espera que sufrimos no noso centro de saúde (que acadan con facilidade os 10 días) e escúsase aludindo ao cumprimento duns cupos que, claramente, non son eficaces para o mantemento dunha atención sanitaria óptima.

Tamén se abordaron as deficiencias estruturais do edificio. Co compromiso de trasladarse a Cuntis sobre a mesa, o venres 6 de xullo visitou o Centro de Saúde o responsable económico da área de Infraestruturas. Os representantes dos catro grupos municipais acompañámolo, canda dous médicos do centro, na visita ás instalacións. Debido á improvisación que caracteriza a este Goberno Municipal, os médicos do centro -informados no mesmo momento- tan só puideron expoñer a grandes trazos as principais deficiencias do inmoble, pero acordaron afondar nas mesmas para nas vindeiras semanas volver a manter unha reunión para incidir neste asunto.

Este é o compromiso que arestora hai sobre a mesa. Non son moitas as certezas pero dende Veciñanza seguiremos adicando os nosos esforzos á defensa da atención sanitaria en Cuntis tanto no referido ao asistencial como ás infraestruturas.

Share

Tamén pode gustarche...