O pleno do 2 de agosto de 2018 repetiu o que vén sendo o esquema habitual marcado polo Bipartito de Cuntis: sen iniciativas propias, unicamente trámite imprescindible e baleiro de contidos. Logo de aprobar as pertinentes actas das sesións anteriores, solventouse tamén o punto da asignación económica aos grupos políticos. Unicamente Veciñanza e PSOE presentamos xustificación de contas, polo que fomos as dúas únicas formacións que percibiremos as cantidades correspondentes.
O único punto da orde do día que aportou contido real foi a proposta presentada polo colectivo Plataforma Veciñal pola Recuperación do Patrimonio Termal, que versa sobre a posibilidade de iniciar os trámites para a recuperación da variante do Camiño de Santiago que, segundo a documentación achegada, pasaría polo termo municipal de Cuntis. Posto que na orde do día foi incluída na denominada parte de control, nin se produciu votación ningunha nin o asunto resulta vinculante a efectos de inicio de tramitación. Neste sentido a postura exposta por Veciñanza, e coincidente co resto de grupos da Corporación, foi a de valorar como moi interesante a posibilidade de explorar o recoñecemento dunha variante -ou alternativa menor- do Camiño por Cuntis, se ben o procedemento administrativo debe partir dun informe técnico solvente. A optimización de recursos públicos debe responder aos intereses xerais e cómpre valorar de maneira obxectiva cal das posibilidades existentes reúne maior potencialidade.
Na quenda de rogos e preguntas, o noso voceiro municipal Santi Martínez interesouse polas seguintes cuestións:
-
Concurso convocado para o alugueiro dunha finca para destinar a zona de aparcamento. O Alcalde explicou que ningún/ningunha particular presentara oferta ningunha ao devandito concurso. Recoñeceu tamén que o Goberno Municipal non ten máis opcións. Veciñanza lamenta a incapacidade do grupo de Goberno para xestionar e resolver un asunto como é o da mobilidade e o estacionamento no centro da vila.
-
Reiteramos a impresentable situación da ponte de Madeira sobre o río Gallo, no centro da vila, que se mantén dende hai meses precintada e sen acceso para as persoas, continuando así co seu deterioro. O Alcalde afirmou que están valorando distintas opcións para restaurala, pero sen
concretar absolutamente nada máis. Veciñanza mantén serias dúbidas sobre que isto sexa así e lamenta profundamente o escaso coidado que este Goberno lle adica á aparencia do casco urbano.
-
Sobre a moción de Veciñanza aprobada no pleno anterior relativa á recuperación do proxecto de Escola Infantil Pública o Alcalde recoñeceu segue sen dar traslado á Xunta de Galicia desta iniciativa.
-
Por último, preguntamos pola tramitación do regulamento de ocupación do espazo público, popularmente coñecida como ordenanza reguladora de terrazas, que leva en proceso dende o mes de outubro de 2017. O Alcalde afirmou que está na fase final e que para o próximo pleno poderá ser debatida e, no seu caso, aprobada.