No mes de marzo de 2016, Veciñanza presentaba ao pleno da Corporación unha moción para abordar, dende Cuntis, a situación de abandono absoluto que presenta o encoro do Umia, logo de que a Xunta de Galicia afogase millóns de euros sen resultado ningún. A iniciativa, que foi aprobada, relataba o incumprimento por parte do Goberno Galego do chamado Plan Umia sinalando, concretamente, o malgasto de fondos públicos no suposto tratamento con codia de eucalipto. Esta medida era a resposta da Xunta ao proceso de eutrofización da auga encorada debido á presenza da cianobacteria Microcystis, que provoca a aparición dunha capa de densa de cor verde que contamina a auga e se gaña presenza cando as condicións meteorolóxicas son as propias do verán (maior temperatura e máis horas de luz). Se ben aquela moción fora aprobada polo Pleno da Corporación, a situación segue a ser a que era. O Goberno Municipal de Cuntis non adoptou ningunha medida, nin tan sequera convocar a Comisión Informativa de Medio Ambiente que Veciñanza pedira naquel momento para avaliar a situación e as posibles medidas a adoptar.
Dous veráns despois, o encoro do Umia presenta un aspecto de novo certamente lamentable. Nada distinto, por certo, aos veráns anteriores dende hai doce anos. O SIAM (Sistema de Información Ambiental de Galicia), dependente da Consellaría de Medio Ambiente, decretou o Estado de Alerta o día 6 de xullo. Cómpre sinalar que a o protocolo de seguimento considera a alerta a partires dunha concentración superior a 5000 células/ml de auga (ou 2000 no caso das captacións directas). Os rexistros que se veñen publicando son absolutamente escandalosos, chegando a 475.000 cél/ml no punto de control da cola (23 de xullo) e a 699.500 cél/ml no control da presa.
Dá a sensación de que este é un asunto que o Goberno Galego abandonou definitivamente. Nin ofreceu nunca os resultados do tratamento con codia de eucalipto nin aporta solución ningunha ao estado das augas. A única Consellaría que reaccionou, en días anteriores, foi a de Sanidade tomando a decisión de prohibir o baño augas abaixo do encoro, na vila de Caldas.
O Goberno Local de Cuntis, malia ser aprobada a moción de Veciñanza antes referida hai máis de dous anos, permanece na máis absoluta indiferenza ante o que probablemente sexa o problema de contaminación medioambiental máis grave da comarca, e xa que logo, tamén do noso municipio.
Veciñanza volve solicitar publicamente que a Corporación de Cuntis aborde a situación de contaminación do encoro, parece que o Goberno Municipal o considera un asunto alleo. Solicita, xa que logo e como primeiro paso, que o Alcalde convoque unha Comisión de Medio Ambiente para poder valorar a situación de contaminación do encoro e fixar unha posición ante a pasividade da Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.