O fomento da práctica deportiva e da actividade física, a difusión de elementos do noso patrimonio cultural, a promoción turística e paisaxística do noso municipio, así como os valores que caracterizan o deporte. Este é o amplo e ambicioso obxectivo que persegue a proposta que vimos de rexistrar no Concello de Cuntis dirixida ao Grupo de Goberno do Bipartito. Ademais, a proposta contempla tamén a pretensión de achegar a actividade municipal ao rural cuntiense, en materias que adoitan concentrarse no centro da vila, como son a deportiva, a cultural e a difusión patrimonial e turística.
O traballo de Veciñanza caracterízase pola achega constante de ideas e propostas nas diversas materias nas que a administración local dispón de competencias. Neste sentido, a Liga de Carreiras Populares de Cuntis pretende tecer unha rede entre varios dos departamentos que en conxunto poden elaborar un produto de grande interese. O atletismo é unha disciplina que cada día gaña máis adeptos e adeptas tanto para o tempo de lecer como para o da actividade física.
Existen xa experiencias exitosas que conxugan a promoción da práctica deportiva coa difusión turística, cultural e paisaxística. Veciñanza entende que o traballo da administración local en materia deportiva debe ir máis alá da pura xestión das instalacións (ámbito que en Cuntis presenta carencias notables) e do apoio ás entidades e clubes que traballan na organización de actividades deportivas. Debe ter un papel protagonista e ser impulsora. Deste xeito, e como vén sendo habitual, Veciñanza preséntalle ao Goberno Local de Cuntis unha proposta perfectamente viable e ponse á súa disposición para colaborar no seu desenvolvemento.
Non destaca o Goberno Municipal de Cuntis por dispoñer dun abano de ideas e propostas novidosas, capaces de dinamizar nos distintos ámbitos nin de capacidades para levalas á práctica. Mais ben ao contrario. Cando isto acontece, precísanse altas doses de humildade para escoitar e acoller as propostas que se achegan dende os distintos eidos para valoralas e levalas a bo porto. Veciñanza agarda que así sexa e que esta proposta poida ser factible para o goce de veciños/as e en beneficio do conxunto do concello.