Veciñanza esixe a renovación da presenza do Concello de Cuntis na rede

Veciñanza presentará no próximo pleno unha moción para que o Concello de Cuntis aborde a renovación da súa presenza na rede. É ben sabido que o espazo virtual é hoxe en día plenamente válido para unha comunicación bilateral entre administración e usuario/a. O Concello de Cuntis non ofrece as condicións necesarias para que isto sexa así, a súa oferta na rede pode ser perfectamente cualificada como ‘cutre’ e ‘descoidada’ e abondan os exemplos que sosteñen tal afirmación. O actual goberno bipartito non fixo absolutamente nada neste sentido, e mesmo se nos fixamos nos perfís que mantén abertos en redes sociais, son habituais as grallas ortográficas e un uso escasamente rigoroso e profesional dos mesmos.

Unha web municipal descoidada, pouco útil, desactualizada, pouco adaptable a dispositivos móbiles e sen nin tan sequera un acceso directo á Administración Electrónica. Unha web municipal que unicamente ofrece tres actas plenarias, a máis recente do ano 2009; unhas estatísticas de poboación do ano 2008; unha sección de Transparencia en permanente estado ‘de construción’; etc. Unha web de promoción turística abandonada e que presenta un inicio que fai referencia a un evento do ano 2015. Uns perfís en redes sociais carentes de rigor, contido propio e vontade informativa.

Veciñanza, no seguinte pleno municipal correspondente ao mes de setembro, proporá unha renovación e profesionalización da presenza de Cuntis na web mediante os seguintes acordos:

  • adquisición do dominio .gal tanto para a web municipal como para o resto das webs do Concello de Cuntis
  • renovación da web municipal e xestión da de promoción turística
  • xestión das webs e redes sociais dun xeito rigoroso, profesional e útil para os/as usuarios/as

Confiamos no apoio do resto de grupos e na implicación do Grupo de Goberno, e nomeadamente no do propio Alcalde, nun asunto que non pode ser considerado como secundario. Esta iniciativa xa fora presentada polo noso grupo para incluír con cargo ao Plan Concellos deste ano, mais co resultado de caso omiso por parte do Bipartito que ostenta o Goberno Municipal de Cuntis. Agora, esta moción é recollida pola prensa especializada como o Diario Tecnolóxico de Galicia Código Cero.

Share

Tamén pode gustarche...