Aclaracións ás acusacións do Goberno Municipal a respecto da polémica das obras da escola de Mesego

O Goberno Municipal de Cuntis reaccionaba onte, por medio dun perfil de Facebook, á nosa publicación dunha comunicación da Consellaría de Cultura na que informa da exclusión do propio Concello dun procedemento administrativo por non atender un requirimento. Ante isto, e para aclarar a situación, é necesario facer as seguintes consideracións:

  1. O Goberno Municipal de Cuntis non se puxo en contacto con Veciñanza nin nos pediu directamente nada a respecto deste asunto. Nin persoalmente, nin por teléfono, nin por correo electrónico, nin mediante mensaxe de ningún tipo, nin contestando á publicación do noso Facebook, nin cunha mención. De ningunha maneira, nin oficial nin informal. A presente aclaración facémola por alusións evidentes, pero debe quedar claro que o Bipartito non contactou con Veciñanza por esta cuestión en ningún momento.
  2. O Goberno Municipal MINTE cando afirma que Veciñanza di que “non se tramitou ante a Delegación Territorial de Patrimonio a autorización das obras na escola de Mesego”. Ou existen graves carencias en materia de comprensión lectora ou o Bipartito de Cuntis decidiu rebaixar o debate político á lameira da confusión. Veciñanza tan só se limitou a facer pública unha comunicación da Consellaría de Cultura que entrou de maneira oficial no Rexistro Municipal do Concello de Cuntis, nin quitou nin engadiu unha soa letra. En todo caso, se o Goberno Municipal non está conforme co contido desa comunicación debe trasladalo á propia Consellaría.
  3. O Goberno Municipal comete unha insólita torpeza tentando xustificarse. Presenta unha autorización con data do 20 de novembro de 2017 que Veciñanza non cuestionou en ningún momento. O problema é que o requirimento da Consellaría é posterior (do 27 de decembro de 2017) e a comunicación de desistimento do procedemento á que fai referencia Veciñanza é do 3 de xullo de 2018. A simple cronoloxía dos feitos deixa en evidencia que o Goberno Municipal non pretende contestar, senón confundir.
  4. O Goberno Municipal non atendeu, segundo a comunicación da Consellaría, un requirimento que esta lle fixo POSTERIOR á autorización inicial das obras referidas. É absurdo que, para xustificar isto, se recorra á propia autorización inicial.
  5. O Goberno Municipal non aclara, na súa reacción, a que se refire a comunicación de xullo de 2018 e cales son as consecuencias de que a Consellaría “teña por desistido ao Concello de Cuntis” deste procedemento.

En resumo, a cronoloxía dos feitos aclara que:

  • O 20 de novembro de 2017 a Xunta autoriza as obras de mellora na escola de Mesego. Documento que amosa o Concello de Cuntis nun dos seus perfís de Facebook.
  • O 27 de decembro de 2017, a Consellaría de Cultura requírelle documentación ao Concello de Cuntis “substancial e determinante para a resolución do expediente”.
  • O 3 de xullo de 2018 entra no Rexistro Municipal de Cuntis a comunicación da Consellaría de Cultura na que informa que, debido a que o Concello non atendeu o requirimento feito, dá por desistido ao Concello da solicitude de autorización do expediente.
  • O 24 de outubro de 2018 Veciñanza fai pública esta última comunicación, limitándonos á súa literalidade, sen engadir nin quitar nada.

Por respecto á intelixencia colectiva dos veciños e veciñas de Cuntis, Veciñanza prégalle ao Goberno Municipal que non xogue a confundir ensinando autorizacións previas para explicar requirimentos posteriores. Apréciase nesta reacción certo nerviosismo inxustificado, para o cal aínda non é momento. Demóstrase, tamén, a necesidade de xestionar de maneira rigorosa e profesional as redes sociais do Concello de Cuntis, para evitar textos mal redactados ou con faltas de ortografía e puntuación. Debe saber o Bipartito que as redes sociais do Concello non deben estar ao servizo político dos partidos do goberno, senón da Institución pública que é o Concello de Cuntis.

O Goberno Municipal de Cuntis leva mal a crítica e reacciona con dificultades ao traballo do único grupo da Corporación que está facendo unha labor de oposición, especialmente cando incidimos en cuestións de transparencia. Lamentámolo, pero seguiremos facendo o noso traballo coa maior seriedade.

á esquerda, a autorización inicial presentada polo Concello; á dereita, a comunicación posterior da Consellaría de Cultura

Share

You may also like...