En defensa do servizo de pediatría en Cuntis

A Xunta de voceiros/as da Corporación Municipal de Cuntis acordou, na reunión extraordinaria celebrada o pasado martes, iniciar unha recollida de sinaturas e convocar concentracións veciñais de protesta para esixirlle á Consellaría de Sanidade que repoña o servizo de pediatría no Centro de Saúde de Cuntis. O puntos de recollida de sinaturas están a ser as dependencias do Concello e a OMIX (Centro Patelas, na rúa Xohán Xesús González s/n), e as concentracións veciñais serán os venres ás 13:00 h.

A Xunta de Galicia anunciou a comezos do mes de outubro que o servizo de pediatría de Cuntis e de Moraña se trasladaba provisionalmente a Caldas, ao tempo que aseguraba que era unha medida temporal para un período de unicamente dúas semanas. Garantía, naquel momento, que o servizo non se suprimiría en ningún dos dous municipios. Era mentira. Estas medidas foron rotundamente contestadas polos/as profesionais, que se opuxeron á creación da figura de “pediatras de área”. Detrás dos movementos da Xunta de Galicia agochouse en todo momento a supresión deste servizo en municipios como o de Cuntis, seguindo o guión de recortes progresivos e incesantes en servizos básicos, nomeadamente en Sanidade.

A comezos de semana, o Xerente de Atención Primaria de Pontevedra confirmaba a decisión da Xunta de Galicia de deixar a Cuntis sen servizo de pediatría. Esta decisión xera consecuencias en moitas familias do noso municipio, que ven como a atención suma retrasos e carencias. Revisións periódicas ou vacinas estanse a ver alteradas pola imposibilidade de que o propio servizo de Caldas de Reis de asuma un volume de traballo tan elevado.

En Cuntis, en materia de sanidade, chove sobre mollado. As queixas veciñais son reiteradas e xa no mes de abril se celebrara con grande éxito de afluencia unha concentración veciñal de protesta para demandar unha ‘atención sanitaria digna’.

Veciñanza ten reiterado neste sentido que é necesario manter a mobilización veciñal para facerlle ver ao Partido Popular que en Cuntis non se vai tolerar unha prestación sanitaria con deficiencias nin máis recortes. Veciñanza mantén unha intensa labor de difusión das convocatorias e accións a emprender, e reitera o chamamento a participar nas mesmas e a manifestar mediante as correspondentes reclamacións unha situación inxusta xerada polas políticas de recorte en Sanidade de Núñez Feijóo na Xunta de Galicia.

Share

Tamén pode gustarche...

1 resposta

  1. 17 Decembro, 2018

    […] dificultades a moitas familias en asuntos tan sensibles como os calendarios de vacinación, etc”. A aposta de Veciñanza pola mobilización dende o primeiro momento fronte aos recortes en sanidade e… no noso centro de saúde “demostrouse acertada, tanto polo respaldo recibido como polos […]