En Veciñanza vimos sinalando dende hai tempo abondo que o trato que o SERGAS (Consellaría de Sanidade) nos dispensa aos veciños e veciñas de Cuntis non pode cualificarse doutro xeito que non sexa o de discriminatorio. O Conselleiro Vázquez Almuíña ignora reiteradamente a solicitude de reunión que dende a Corporación Municipal lle trasladamos todos os grupos, o que constitúe unha falta de respecto institucional certamente impresentable.
O recente concurso de traslados puxo fin ás ausencias semanais, e consecuentes listas de espera, que viñamos padecendo en Cuntis sen que o SERGAS fixera absolutamente nada para remedialas. A interminable transferencia da titularidade do Centro de Saúde ao Goberno Galego representa unha incomprensible excepción no trato a respecto do resto dos municipios do País que si a executaron. As consecuencias son que a administración local asume un gasto que lle é impropio mentres a Xunta de Galicia o aforra.
No pasado mes de abril os catro grupos da Corporación convocamos a primeira concentración veciñal ‘por unha atención sanitaria digna’, con gran éxito de participación. A partires do exercicio da presión, a Xerencia do SERGAS comezou a ter en conta as reivindicacións unánimes que dende aquí faciamos. Acordouse a necesidade de intervir sobre as moitas carencias estruturais que presenta o edificio, que é o xermolo do convenio que vimos de coñecer.
A supresión do servizo de pediatría a comezos de outubro debido, segundo a versión oficial, á restruturación territorial, non fai máis que agravar o malestar dos veciños e veciñas de Cuntis co trato que nos dispensa a Xunta de Galicia. Os catro grupos da Corporación acordamos por unanimidade convocar, de novo, concentracións veciñais para esixir a reposición deste servizo no noso Centro de Saúde. A nova situación, pola cal as familias deben desprazarse a Caldas, xera colapso na atención, retraso en vacinas e mesmo casos de pais e nais que xa decidiron optar pola atención privada debido ás carencias do servizo público. Levamos xa tres semanas consecutivas saíndo á rúa os venres e, recollendo as demandas veciñais, acordamos incrementar as medidas de presión. Elevaremos a situación ao Parlamento Galego e convocamos unha manifestación de protesta para o vindeiro venres 5 de decembro (20:00 h) que percorrerá as rúas de Cuntis para esixir a inmediata reposición do servizo.
Mentres todo isto acontece, o SERGAS ofrece un convenio de colaboración co Concello de Cuntis no que se limita a unha achega económica mínima (12.500 €) claramente insuficiente para acometer as reformas necesarias. Discorre isto no marco da eterna espera a que se concrete a cesión da titularidade á Consellaría de Sanidade, que tería deste xeito que asumir integramente as obras de mantemento.
En Veciñanza seguiremos a pelexar por unha atención sanitaria digna, pola reposición inmediata do servizo de pediatría contra o trato discriminatorio da Consellaría.
1 resposta
[…] […]