Veciñanza presenta alegacións para adecuar o risco de inundacións á realidade de Cuntis

Veciñanza vén de presentar alegacións á proposta de modificación do mapa de zonas inundables que Augas de Galicia abriu a exposición pública. O mapa que actualmente está en vigor presenta múltiples carencias que motivaron xa queixas e reivindicacións dende Cuntis en anos anteriores, xa que evita considerar zonas inundables aquelas que reiteradamente si o son. Nomeadamente referímonos ás beiras do Río Gallo ao seu paso polo centro da vila do Baño.

O DOG publicou o pasado 6 de setembro a resolución pola cal incorporaba achegas de anos anteriores que esixían a modificación deses mapas de perigosidade, de maneira que practicamente a totalidade das beiras do río Gallo ao seu paso polo centro de Cuntis, e nomeadamente a confluencia deste co regato de Trasponte, no entorno da zona coñecida como do Rancho, pasaban a considerarse inundables. Pero é insuficiente.
Se ben esta modificación supón unha noticia importante para adecuar os mapas á realidade do noso concello, o documento presentado pola Xunta mantén unha notable carencia no que se refire á identificación precisamente destas áreas potencialmente inundables. Trátase da práctica totalidade do parque do Castro, que se espalla precisamente polas beiras do río Gallo. É habitual que na época invernal, nos episodios máis acentuados de choivas, o cauce fluvial se desborde anegando varios metros máis alá do seu discorrer habitual.
Neste sentido, o Grupo Municipal de Veciñanza, composto por Saleta Fernández e Santi Martínez, rexistrou as alegacións correspondentes para que o organismo Augas de Galicia rectifique estas omisións e incorpore a totalidade das beiras do río Gallo no seu discorrer urbano. É imprescindible ter unha radiografía precisa para poder dispoñer de ferramentas urbanísticas adecuadas á realidade do noso municipio que, como é ben sabido, padece periodicamente as consecuencias dos anegamentos invernais.
Share

Tamén pode gustarche...